Noriega anuncia un pre-acordo entre Anova, Podemos e EU para as xerais

Nos Almorzos do Galicia por Diante asegurou que está a piques de culminar e que "as portas para o BNG non están fechadas".

Noriega
photo_camera [Imaxe Radio Galega]

En conversa co xornalista Kiko Novoa nos Almorzos do Galicia por Diante (Radio Galega) un dos portavoces nacionais de Anova e alcalde de Compostela, Martiño Noriega, anunciou un inminente acordo entre as direccións políticas da súa formación, Podemos e Esquerda Unida de cara ás eleccións ás Cortes españolas. 

Noriega asegurou que levan "semanas traballando nun documento para achegar posicións" e "parece ser que está a ser perfilado nestes días" polo que "agás sorpresas" poderá ser anunciado de maneira inminente. 

Ora ben, afirma que non será presentado como un acordo "definitivo" nen "excluínte" senón como garante da "acumulación de forzas" entre a "esquerda partidaria". 

"Parece que [o acordo] está a ser perfilado nestes días, agás sorpresas poderase anunciar"

Noriega considera este acordo entre Podemos, Anova e Esquerda Unida como un "paso necesario" ao se amosar "un pouco canso do minuto partido resultado". 

Preguntado pola exclusión do BNG, o portavoz de Anova asegurou que "sempre" defendeu a existencia dun "espazo" para o Bloque na "unidade popular" ao entender que "non acabaremos de fechar ese espazo de encontro" se "non está o BNG". 

A respeito do nome desa posíbel candidatura resultante do acordo e se aceptaría un "Podemos algo máis" Martiño Noriega sinalou que "o importante non é a etiqueta" senón "o contido". Porén, acrecentou, "supoño que é unha cuestión que non está resolta". "Haberá que traballar".  

Comentarios