#nonnoscalarán: o BNG recorre ante o Tribunal Supremo a súa marxinación da CRTVG

O despregamento dunha gran bandeira nacionalista e dunha faixa co lema 'Non nos calarán' na Praza do Obradoiro denuncia o ''silenciamento de 103.724 cidadáns que confiaron en nós”, explicou Ana Miranda. O portavoz Xavier Vence advertiu que o BNG “non vai permitir que o españolismo cometa un atropelo á democracia”.

2014-05-21 12.04.50

Unha bandeira nacionalista de grandes dimensións era despregada por ducias de militantes na Praza do Obradoiro mentres da verxa de entrada na Catedral de Compostela pendurábase unha faixa co lema 'Non nos calarán'. Un acto co que o BNG denunciaba a súa marxinación dos medios públicos galegos por decisión da Xunta Electoral Central (XEC) a iniciativa de UpyD.

“É un feito que non podemos permitir ningún demócrata”, afirmou o portavoz nacional Xavier Vence, que cualifica o “silenciamento de 103.774 persoas” de “atentado á democracia”. Mais esta decisión, proseguiu Vence, “non nos vai calar”. Anunciou que a fronte vai recorrer a decisión da XEC perante a sala terceira do Tribunal Supremo, ao tempo que solicitará medidas cautelares.

"É un ataque á democracia e ao espazo de comunicación autónomo de Galiza"

Mais o BNG tamén anunciou que vai haber un maior esforzo aínda para transmitir a mensaxe do Bloque Nacionalista Galego a través das redes sociais, traballo de rúa... “Non imos permitir que o españolismo cometa este atropelo, este ataque a liberdades fundamentais”.

Chamada á solidariedade

A candidata Ana Miranda, pola súa banda, lamentou que o acto electoral desta terza feira en Lugo “vai ser o último do BNG que se retransmita polos medios públicos galegos” e reiterou que o silenciamento non é ao BNG, “senón a 103.774 persoas que confiaron en nós”.

Lidia Senra (AGEe) manifestou nas redes a súa solidariedade para co BNG

Miranda agradeceu a solidariedade mostrada por diferentes formacións europeas e fixo un chamamento a defender a “liberdade de expresión”.Candidatos doutras formacións, como Lidia Senra (AGE), manifestaronnas redes sociais a súa solidariedade para co BNG.

Comentarios