"Non vou polemizar coas vítimas", di Blanco sobre o pedimento de que deixe a candidatura do PSOE

Blanco non se ve responsábel en termos políticos das decisións que por parte do ADIF se adoptaron a respeito da liña Ourense-Santiago e que, segundo o xuíz Aláez, puideron ser constitutivas dunha imprudencia puníbel.

José Blanco
photo_camera José Blanco

As vítimas da traxedia de Angrois -en concreto, a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155- continúan a presionar para o PSOE retirar a Blanco da súa candidatura ao Parlamento europeu. Este mesmo domingo, arredor de 20 persoas, segundo Europa Press, concentráronse perante o Palacio Municipal de Congresos de Madrid -recinto elixido polo PSOE para presentar a súa listaxe eleitoral- para patentizar o seu protesto pola inclusión do ex ministro entre os nomes propostos para Europa pola formación liderada por Alfredo Pérez Rubalcaba.

Perguntado expresamente pola xornalista de SER-Galiza Aida Pena sobre a petición das vítimas de que abandone a candidatura, Blanco dixo este domingo: "Non vou polemizar coas vítimas. A única decisión que tomei en relación co AVE foi facer un investimento sen precedentes. As persoas que tomaron as decisións sobre como se tiñan de facer eses investimentos [indica en alusión aos técnicos de ADIF] terán de responder se o xuíz o reclama".

Blanco, en todo caso, acha que a instrución do caso se atopa nunha fase aínda prematura "para quitar conclusións" e enfatiza que "todos os que compareceron perante o xuíz ratifícanse en que todo se fixo de acordo coas normas e os regulamentos".

Estratexia de comunicación

A estratexia de comunicación de Blanco ficou patente na entrevista que concedeu a SER-Galiza. As responsabilidades sobre decisións que eventualmente tiveron influencia na xénese do sinistro de Angrois non o atinxen a el, salientou, senón a "equipa de técnicos de Fomento".

O xuíz Aláez considera que o ADIF tomou decisións -modificar o deseño inicial da liña Ourense-Santiago, pasando do ancho internacional ao ibérico- que resultaron nunha diminución nas condicións de seguranza, o cal puido ter sido un factor desencadeante da traxedia de Angrois, saldada con 79 vítimas mortais.

Intereses comercais sobre garantías de seguranza

Aláez entende que ADIF -unha empresa estatal dependente do Ministerio de Fomento que dirixía Blanco na altura- fixo prevalecer os intereses comerciais -reducir o tempo da viaxe- sobre as garantías de seguranza para @s usuari@s.

Comentarios