domingo 23/01/22
Eva Villaverde, coordinadora de Acción Municipal do BNG

“Non vale de nada ter grandes nomes se non tes un proxecto detrás”

O optimismo marca o discurso de Eva Villaverde (Moraña, 1977), coordinadora de Acción Municipal da Executiva Nacional do BNG. A menos de dous anos das eleccións locais, anuncia que a organización fará públicas as principais cabezas de lista antes do verán. E que os obxectivos centrais do Bloque son dous: “Manter as alcaldías e os gobernos que temos e fortalecer a presenza, sobre todo nas cidades”. “Estou convencida de que imos mellorar os resultados”, afirma en referencia a 2015. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 290.

Eva.1
[Imaxe: BNG] Eva Vilaverde

6Onde sitúa os eixes básicos da política municipal do BNG?

Somos unha alternativa nacionalista e todas as nosas experiencias e accións de goberno municipais están inseridas nun marco nacional. Hai uns principios que teñen que ver co respecto e a promoción do noso, do noso patrimonio, da nosa cultura, da nosa lingua. E este marco nacional sempre se ten que adaptar á realidade de cada concello. A garantía que temos no BNG é que á xente lle ofrecemos algo coñecido. Temos experiencias de goberno moi respectábeis, a marca BNG, algo solvente, algo serio. Somos quen de xestionar con obxectividade, con transparencia, e tendo en conta as nosas potencialidades. Liñas estratéxicas? A optimización de recursos, xestión pública de servizos, defensa da nosa identidade, e equidade na prestación. Uns principios que acabamos de aprobar no último Consello Nacional e que temos en conta para a elaboración de todos os programas municipais.

Alén de Allariz e Pontevedra, emblemas municipais do BNG, manexa outras referencias?

Os concellos BNG son marca de referencia e de respecto. A estas alturas, son respectados pola xente que nos vota e mesmo por quen non nos vota. Hai unha serie de cuestións que saben que co BNG están garantidas. Penso en concellos pequenos, tipo San Sadurniño -referente na xestión de gobernos rurais de pouca entidade poboacional-, ou en Barro, que acaba de chegar e xa é referente de cambio e de alternativa. Pero tamén en vilas e cabeceiras de comarca, como Carballo, como Allariz, como Tomiño, de entidade media. E no ámbito das cidades temos Pontevedra. Somos quen de adaptar o noso discurso ás diferentes realidades e ser referencia de bo goberno.

Dicía que un dos eixes políticos do BNG é a xestión pública de servizos, mais o marco legal faina complicada.

Totalmente. Dentro das bases democráticas para a elaboración de programas aprobamos a defensa dos servizos públicos e a preferencia da xestión directa. Iso implica sermos moi críticos e mesmo belixerantes co marco lexislativo que o impide. Porque existe todo un contexto normativo que dificulta a xestión directa dos servizos. Vemos que se privatiza non só a prestación de servizos senón a propia administración. Por exemplo, obrígase á administración electrónica pero con empresas privadas. Nós somos belixerantes porque pensamos que hai que garantir a existencia de servizos públicos e a súa boa prestación. E sempre que se poida, xestión directa para que exista un maior control. E non o temos que circunscribir á administración local. A Xunta e o Estado tamén privatizan. De facto, os concellos son os que máis dificultades teñen, porque a administración local nin sequera lexisla.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 290 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

“Non vale de nada ter grandes nomes se non tes un proxecto detrás”
comentarios