-Que representa para vostede o Día da Patria Galega?
-Para min representa o que para moita xente, a efeméride nacional de Galiza, un día de afirmación da natureza nacional de Galiza e así se creou no seu día.
-Como foron, precisamente, eses comezos?
-Creouse porque todo movemento nacionalista necesita uns símbolos fixos que son sempre os mesmos: unha bandeira, un himno e un día nacional. Logo hai outras efemérides que poden engadirse a ese día nacional, mais ese é obrigado. Non pode haber nación sen día nacional, sen unha data que simbolice a súa existencia mediante algún feito real ou mítico, iso xa depende, que visualice a existencia desa nación. O nacionalismo galego cando foi propiamente nacionalismo, e non rexionalismo, non tardou moito en estabelecelo. Se a I Asemblea Nacionalista foi en 1918, xa na segunda, en 1919, celebrada en Santiago, debateuse cal debía ser o Día da Patria Galega, que foi a denominación orixinaria. Aí houbo un debate significativo entre o sector laico, republicano e democrático das Irmandades, encabezado por Antón Vilar Ponte, e o sector católico, conservador e máis tradicionalista que podemos personificar en Vicente Risco e en Ramón Otero Pedraio. Antón Vilar Ponte era partidario dunha efeméride laica, imitando o 11 de setembro catalán [A Diada], porque o galeguismo político, xa desde o século XIX, tivo sempre o catalanismo como referencia, e elixía para esa efeméride laica o 17 de decembro.
-O día en que axustizaron Pardo de Cela en Mondoñedo.
-Si, o día en que foi executado Pardo de Cela. Teríamos entón unha efeméride dunha certa derrota semellante ao 11 de setembro de 1714 en Catalunya. O outro sector quería unha efeméride de tipo máis relixioso, á maneira do nacionalismo vasco –o Aberri Eguna é unha festa relixiosa tamén–, e propoñían o apóstolo Santiago, o día de Santiago. Triunfou esta segunda opción, co cal, temos unha efeméride polisémica, porque o día de Santiago é o patrón da cidade, o patrón de Galiza, o patrón de España e, enriba, o Día Nacional [...].
[Podes ler a entrevista íntegra no número 305 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]