Pilar Cancela, deputada do PSOE no Congreso

“Non lle dou maior transcendencia a estar ou non no Goberno”

O seu nome soaba nas quinielas para formar parte do Executivo de Pedro Sánchez, con quen admite unha afinidade persoal e ideolóxica. Pilar Cancela (Stuttgart, 1967) presidiu a xestora do PSdeG, nomeada desde Ferraz, após a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro e hoxe coordina as deputadas e deputados galegos do PSOE no Congreso. Recoñece que sería unha honra representar Galiza cun Ministerio, mais asegura que “as reivindicacións do PSdeG ao Goberno de Pedro Sánchez no que ten a ver con Galiza non van perder”. Eis un extracto da conversa publicada no número 304 de Sermos Galiza.

foto_cancela
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Pilar Cancela

3No verán de 2016, na precampaña das eleccións xerais, Pedro Sánchez presentou un gabinete para o cambio do que vostede formaba parte. Levaba a carteira de Agricultura e Pesca nese goberno “na sombra”. Por que agora non é integrante do Executivo de facto?

Eu non lle dou maior transcendencia a estar ou non estar no Goberno. Creo que aquel momento era un contexto distinto e agora, analizando polo miúdo o equipo que fixo o presidente, as mulleres e homes que o conforman son dunha traxectoria profesional e dunha cualificación indubidábel. O feito de formar ou non parte? Creo que iso depende del. Ademais, as responsabilidades que teño no Congreso, presido dúas comisións: a de igualdade e a de seguimento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, requiren dunha especial dedicación. Queremos intentar avanzar o máximo posíbel no cumprimento do Pacto de Estado no que quede de lexislatura. En todo caso, sería unha honra representar Galiza nun Ministerio e ademais cunha área tan importante como o agro e a pesca para o noso país, mais creo que podemos facer o mesmo traballo en calquera sitio onde o fagamos. Creo que a reivindicación do PSdeG ao Goberno de Pedro Sánchez no que ten a ver con Galiza non van perder.

Un PSdeG que non está representado no Goberno.

A min gustaríame que houbese moitas persoas do PSdeG no Goberno de Pedro Sánchez, pero é verdade que o contexto é distinto. Non fixo cotas territoriais como houbo noutro momento, fixo máis ben perfís de persoas concretas e con determinada traxectoria. Por iso non o analizo en sentido negativo, porque é un Goberno para unha circunstancia e un momento puntual, para sacar adiante temas de contido social, progresistas, que para nós é algo fundamental. Falo de ámbitos como o emprego, que xa se están tomando medidas nese senso; o da igualdade, que agora temos que demostrar que ese si é para nós un obxectivo fundamental e daquelas cuestións que teñen a ver coa sanidade, educación, a transición ecolóxica, as novas tecnoloxías… Polo tanto, como é unha cuestión para un límite temporal tan concreto, non faría un transvasamento nese senso de máis ou menos presenza do PSdeG no Goberno de Pedro Sánchez.

Precisamente, Pedro Sánchez tirou dese límite temporal para advertir de que posibelmente non se toque o sistema de financiamento autonómico.

A última reunión de Raxoi cos representantes das comunidades autónomas foi hai máis dun ano e pico. Naquel momento falárase de que se ía abordar cos territorios a modificación do sistema de financiamento autonómico. Un cambio de modelo de financiamento autonómico non sei fai en 5 ou 6 meses. De todos os xeitos, ese posicionamento inicial de non incidir a fondo no cambio do modelo matizouse con posterioridade porque houbo comunidades autónomas gobernadas polo PSOE que fixeron un chamamento a abordar o tema. É certo que o período temporal é curto, mais non debe impedir empezar a falar diso e abrir camiños ante unha cuestión tan importante.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 304 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios