Yolanda Díaz no Sermos247

"Non imos ir ao plenario de xullo a cuestionar Villares"

O 3 de xuño pon o ramo ao seu mandato como coordenadora de Esquerda Unida. Será na asemblea nacional da súa organización, coa parlamentar Eva Solla a lle tomar o relevo. No Sermos247 falamos con Yolanda Díaz sobre o taboleiro galego, axitado por convulsións que atinxen, di, todas as forzas políticas galegas, tamén En Marea. E avanza que no plenario de xullo nen ela nen Esquerda Unida irán cuestionar Luís Villares. Eis un extracto da conversa.

IMG_0155
photo_camera Yolanda Díaz, durante a entrevista

-Que balanzo fas dos teus tres mandatos ao fronte de Esquerda Unida?

-Ben, realmente non son tres. Eu entro na coordenación no momento final do mandato dunha compañeira, após ela apresentar a súa demisión. Portanto, dun xeito completo, cumprín dous mandatos. Balanzo? Pois desde a perspectiva dunha organización humilde, fixemos un traballo moi intenso para abrirmos unha pequena fiestra neste país. Penso, por exemplo, naquel cartaz de 2005, Entramos pola Esquerda, ou aquel que fixéramos no Teatro Principal, en 2010, que estaba a rebentar... Pulamos xa desde aquela por un xermolo do que temos, que era a refundación das esquerdas, no Principal, se lembras, xa había actores moi importantes no proceso que viría despois. Así que, ben, agora temos unha organización activa IMG_0156e ben presente, moito máis coñecida socialmente na Galiza, un actor fundamental para o cambio político tamén. E se ollamos para diante, sería case imposíbel hoxe, entre as distintas formulacións, facer nada no país sen contar co que representa Esquerda unida e sen a achega política-intelectual desta esquerda. Portanto, un balanzo humildemente positivo.

-E cara a onde vai Esquerda Unida? Porque a sensación que dá desde fóra é que en España se vai disolver en Unidos Podemos e na Galiza na Marea.

-Non comparto o termo “disolución”. Esta é a posición que algúns en Esquerda Unida defenden. E voume explicar. Non se trata de disolver nada -aliás, é un verbo feo-... a ver, Izquierda Unida e Esquerda Unida, desde o 5 de xuño de 2010, están nunha tese política que entende que hai que refundar a esquerda. Estamos avanzando nesa dirección, e ademais mudou todo, na Galiza mudou todo desde 2012, e foi grazas a esa intelixencia de termos tendido a man forzas que vivíamos de costa entre nós, as forzas nacionalistas, as forzas da esquerda federal e confederal, mais tamén forzas independentistas. E hoxe ese escenario, que era como un tripartito, se se me permite [reférese a PP, PSdeG e BNG] no que vivíamos con certa tranquilidade, pois non existe. Todo iso mudou e temos que xogar aquí. O que estamos a facer é innovar cousas e camiñando da man. Hai moitos actores no conxunto do estado vertebrados con distintas filosofías políticas, mais que camiñamos no imaxinario dunha nova realidade política. O país, Galiza, mudou, mais mudou tamén Euskadi, mudou Catalunya, mudaron digamos todos os pobos que compoñen este estado. Entón, Esquerda Unida vaise disolver en En Marea? Non, non, o que está a facer EU, xunto con compañeiras e compañeiros de Anova, outras organizacións e xente que non ten alma partidaria, é construír algo novo. Isto tamén o está a facer Alberto Garzón en Madrid. Vaise disolver Izquierda Unida en Unidos Podemos? Unidos Podemos está en construción. Para disolverse sería disolverse en Podemos. Non sei se me explico. Ese matiz.

2-Pero disolverse en Podemos desbotámolo, non?

-Eu completamente. Se quixésemos estar en Podemos, xa estaríamos, non?, e eu con maior motivo, son amiga persoal dese señor que se chama Pablo Iglesias desde pequeniña, militei con el nas Xuventudes Comunistas, coñézoo ben... Non, o que si é fermoso é que imos camiñando... están pasando cousas fortes... un partido como Unió Democrática de Catalunya, que tiña 80 anos de vida, desapareceu nesta convulsión que hai. Estamos redefinindo. Mudou todo. Non poñemos o zoom coa apertura suficiente para ver que estamos vivendo nun momento histórico e que todas as forzas políticas, tamén a miña, están en convulsión. Hai certezas en En Marea e en Unidos Podemos? Non as hai!

[A íntegra da conversa, unha dupla páxina, aparece no Sermos247, disponíbel xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Comentarios