Xoán Manuel Bastida, número 1 de Compromiso por Galicia pola Coruña

"Non é igual estar no Congreso que conseguir cousas para o país"

Baixo o lema “Galicia pinta no estado”, Compromiso por Galicia concorre ás eleccións xerais con Xoán Manuel Bastida como número un ao Congreso pola Coruña. Médico de profesión, é concelleiro de goberno en Fene desde a controvertida moción de censura impulsada polo PP nesta localidade. 

XOAN MANUEL RODRIGUEZ BASTIDA
photo_camera Xoan Manuel Rodríguez Bastida

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O pobo galego xógase figurar como tal no parlamento español e, polo tanto, que se teña en conta a Galiza como país en pé de igualdade con Catalunya e o País Vasco.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Negativa. Galiza non tivo representación. Non é igual "estar alí" que conseguir cousas para o país. Lembremos que os últimos orzamentos reduciron o investimento para Galiza nun 19%, deixándoo en 757 millóns, cando se incrementou para outras comunidades como Catalunya nun 51% ou Andalucía nun 43%.

Galiza non tivo representación

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Cando hai moitas problemáticas é difícil escoller tres, pero dado que é o me pide, direi, en referencia ao emprego: o sector naval, Alcoa, Ferroatántica, Poligal.

En infraestruturas: as terrestres (transferencia da autoestrada, vertebración do país, conexión co corredor atlántico), en portos (unha única autoridade portuaria). e tren (AVE e trens modernos de proximidade).

En canto ás leis:  reformas da LOMCE e a lei laboral, e abolición da lei mordaza.

Que parlamentar sería referente para o seu labor no Congreso?

Non hai unha deputada ou un deputado a elixir. O referente é a acción parlamentaria que desenvolven conseguindo cousas para a xente que representan. Como exemplo, a recente transferencia das autoestradas para o País Vasco.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Calquera das tres citadas segundo a dinámica parlamentaria, aínda que Alcoa, Poligal e a deslocalización de empresas sexan casos urxentes.

O 40% de indecisos que amosan as enquisas fan que as opcións estean abertas

Como ve as opcións de Compromiso por Galicia na cita electoral?

Nesta elección, como pasa sempre, percíbese que o que se elixe é o presidente do goberno, e aínda que ese vai a ser o resultado, non é así. En consecuencia, as opcións novas e non estatais, como é Compromiso, non se teñen en conta polos medios de comunicación e por forzas políticas estatais, e polas antigas do mesmo campo electoral. O 40% de indecisos que amosan as enquisas fan que as opcións estean abertas. 

Comentarios