Antón Sánchez: "Non haberá cambios reais se antes non se dan contestacións fortes na rúa"

O ex deputado e líder de Anova, Antón Sánchez, olla con preocupación a crise da Covid-19 ante unha Xunta resolta a aplicar "as mesmas receitas" que até o de agora, co problema engadido de que a pandemia oculta cuestións relacionadas co paro, vivenda ou industrialización. Sánchez analiza tamén a folla de ruta de Anova.
O líder de Anova e ex deputado, Antón Sánchez.
photo_camera O líder de Anova e ex deputado, Antón Sánchez.

 "Non deixei a política, deixei o Parlamento", di Antón Sánchez a quen lle pregunta pola súa nova vida após as eleccións galegas, co carisma, humildade e compromiso que o caracteriza.

"Foi unha grande honra ser durante oito anos deputado e si botarei de menos o Parlamento, pero non repetir nas listas foi unha decisión persoal que tomei, e estou tranquilo de así decidilo", confesa Sánchez.

Para o ex deputado "foi enormemente gratificante poder traballar con moita xente do país" durante os seus anos no hemiciclo e resalta que continuará a súa loita a prol da Galiza desde fóra da Cámara, como portavoz nacional de Anova e desde o activismo polo país e a xente. Mais Antón Sánchez tamén recuperou o seu traballo na súa casa en Luibre, no concello de Bergondo, coa súa explotación de agricultura ecolóxica.

—Como ve Galiza diante desta nova lexislatura?

Estamos ante un contexto difícil, no que a pandemia vai marcar os próximos tempos e no que o PP, ao saír reforzado das eleccións, carecerá de disposición a mudar as políticas que realizou nos últimos anos.

E todo isto coa vantaxe de que a Covid-19 pode agochar problemas que deberían estar no centro do debate, como as políticas económicas e industriais do PP, que espolian o país, desmantelan e hipotecan o noso futuro. Vai haber unha crise económica e social e o PP vai aplicar as mesmas receitas: políticas que exclúen e botan a xente do mundo do traballo, das vivendas, do ensino... e fronte a iso hai que pelexar en prol duns servizos públicos fortes, dunha saída social á crise e contra as desigualdades.

—Vía posíbel que Feixoo perdese a maioría absoluta?

Nos meses de febreiro e marzo confiaba en que se puidese dar o cambio. Mais a suspensión das eleccións e a situación que veu co coronavirus reforzou as Presidencias autonómicas, independentemente do acertadas ou non que estivesen na xestión da pandemia.

Ademais, hai que ter en conta a implantación do PP e a súa capacidade de centrar o discurso nestes momentos onde Feixoo quere, coa axuda dos medios de comunicación públicos e dos subvencionados, así como certos erros dos partidos que deberíamos ser a alternativa, o que evidentemente tamén pesou no resultado.

—Cales serían eses erros?

No que ten a ver co noso espazo trasladouse unha imaxe de que falábamos máis do interno que dos problemas da xente. E é que, fronte ao poder mediático da dereita e acomodación do poder nas institucións, rodeado de grandes medios de comunicación, a única defensa que sempre tivo a esquerda é o traballo no seo da sociedade, a organización e a militancia para tecer contrapoder e desbordar os caudais. Tamén houbo certa subordinación na política estatal.

Desde o Estado fixeron un papel de 'poli bo' a Feixoo para contrapolo a Pablo Casado. Un papel que mesmo se lle construíu desde medios que en teoría son progresistas. Creo que isto se debeu en parte ao descoñecemento e en parte a priorizar os ataques a Pablo Casado. E Feixoo quedou beneficiado nisto.

—En 2013, estando no grupo da Alternativa Galega de Esquerda (AGE), pediu no Parlamento a documentación sobre a fusión e bancarización das caixas. Sete anos despois segue sen tela.

É escandalosa a capacidade do PP e dos medios de centrar o debate no que queren e obviar que Feixoo non contestou un feito tan grave como é que a Xunta fose condenada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza por vulnerar o dereito á información dun deputado.

Trátase dunha cuestión sen precedentes na democracia na Galiza, pois foi a primeira sentenza neste sentido. Iso xa sería suficiente para que o Goberno tivese que asumir responsabilidades, pero é que ademais estamos a falar dun gran fiasco para o país: 40% do aforro das galegas e galegos acabou en mans dun banco venezolano, con patrimonio neto menor que a entidade que compraba (Nova Galicia Banco), que se vendeu por 1.003 millóns de euros, e só no primeiro ano da venda os beneficios sobrepasaron o prezo da compra.

Esta operación foi responsábel da descapitalización da carteira industrial, o cal ten consecuencias no emprego e nas deslocalizacións.

A estafa das caixas é un problema económico de primeira magnitude no país e debería ocupar o centro do debate. Porén, nin sequera con esta sentenza foi posíbel. Sen un sistema financeiro que apoie a economía produtiva e non a especulativa vai ser difícil que o país teña futuro, e Feixoo axudou precisamente a regalar o noso futuro.

—Cal é a folla de ruta de Anova?

Temos que reconstruír o espazo, ser útiles, con toda humildade, e botar o noso grao de area a toda esa loita de xente que fica sen vivenda, sen ingresos, ante o incremento de desigualdades, do paro... Coa nosa militancia e desde abaixo, aí estaremos.

Anova está aberta a toda a xente que participa nas mareas municipais e nos movementos sociais e sindicais, queremos estar en diálogo permanente con elas e construír desde abaixo con eses continxentes. Non vai haber transformacións verdadeiras por parte de ningún Goberno se desde a rúa non hai presión e contestación forte e suma de forzas.

Ese é o traballo que Anova temos que facer e quizais, por estarmos máis centrados no institucional e electoral, non o fixemos suficientemente.

Comentarios