O non do PP e a abstención do PSdeG impide, por terceira vez, unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois

BNG e En Marea forzaron a votación secreta en urna. Familiares e vítimas, que seguiron a votación ao vivo, abandonaron a tribuna entre bágoas e reprochando a actitude de populares e socialistas.

Pleno do Parlamento galego, 22 de febreiro de 2017.
photo_camera Imaxe do Pleno do Parlamento galego decorrido a 22 de febreiro de 2017.

A petición de crear unha comisión de investigación no Parlamento galego sobre o sinistro ferroviario de Angrois foi rexeitada por terceira vez. Desta volta, a votación foi secreta e en urna, após forzalo así BNG e En Marea, mais de nada serviu: o PP votou non e o PSdeG abstívose, polo que o resultado foi o mesmo que nas dúas anteriores ocasións en que esta proposta se puxo sobre a mesa: A cámara galega non investigará un dos sinistros mortais máis graves da historia moderna de Galiza.

O debate produciuse no inicio da sesión plenaria e pouco despois de que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibise unha delegación de vítimas daquel accidente. Na votación, o resultado non deixou lugar a dúbida: 39 en contra, 14 abstencións e 20 a favor, que coinciden cos deputados presentes do PP -faltaban Núñez Feijóo e o conselleiro Francisco Conde-, o número de socialistas e os que suman entre BNG e EN Marea, respectivamente.

Ao anunciar o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que, en consecuencia, a constitución da comisión de investigación non procedía, asistentes na tribuna de invitados foron desaloxados mentres berraban "asasinos", "senvergonzas" y "ao cemiterio vai miña filla", entre outras exclamacións.

BNG e En Marea defenderon a necesidade de crear esta comisión. “Teñen medo a coñecer a verdade? A que se coñezan as súas mentiras como o incumprimento das normativas de seguridade, como o feito de que inauguraron un AVE que non era un AVE incorrendo en publicidade enganosa, que retiraron o sistema de seguridade ERMTS na curva máis perigoso do trazado”, preguntou a portavoz do BNG, Ana Pontón.

Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea, censurou que PP e PSOE estean "faltándolle ao respecto ás vítimas" ao considerar que "teñen moito que esconder". Sánchez lamentou que que "aquí non dimite ninguén".

Comentarios