"Non debería pasar, pero pasa": a "peor e máis machista" campaña publicitaria de 2022

"O que sen dúbida non pasou pola cabeza de ninguén da Xunta é que a culpa só é dos agresores. E a eles ninguén lles pregunta que roupa levaban", afea Facua.
Un dos cartaces da campaña da Xunta para o 25-N.
photo_camera Un dos cartaces da campaña da Xunta para o 25-N.

A campaña publicitaria da Xunta da Galiza co gallo da conmemoración do pasado 25-N, Día Internacional Contra a Violencia Machista, vén de ser distinguida coa dubidosa honra de ser 'O Peor (e máis machista) Anuncio do Ano', un galardón que a organización en defensa das persoas consumidoras Facua organiza desde o ano 2010.

Desde Facua elixiron estes cartaces, promovidos co lema "Non debería pasar, pero pasa", por tratarse dunha "desafortunada" campaña cunha serie de anuncios "nos que se volvía pór o foco na actitude ou a forma de vestir das vítimas, cargándolles as culpas se sofren algunha agresión".

"Cousas que as mulleres teñen que seguir aguantando en 2022: que unha campaña institucional contra a violencia de xénero siga pondo o foco nas vítimas, culpabilizándoas segundo como vestían, por onde estaban ou que estaban a facer. 'Non debería pasar, pero pasa'. O que sen dúbida non pasou pola cabeza de ninguén da Xunta é que a culpa só é dos agresores. E a eles ninguén lles pregunta que roupa levaban", afea a organización nun comunicado.

Estes premios son elixidos por persoas socias e simpatizantes de Facua. Máis da metade (58%) das e dos participantes decantouse por esta polémica campaña da Xunta. Outra das candidatas foi a discoteca La Vaguada, en Grao (Asturias), que quedou en segundo lugar, con 20% dos votos, por anunciar unha "caravana de mulleres" como reclamo para unha festa.

Os outros dous candidatos foron o ximnasio sevillano Galisport, por un anuncio no que, de cara á Feira de Abril, instaban as mulleres a adelgazar para cumprir cos cánones estéticos, e a cadea de gasolineiras Enerplus, que mostraba unha muller como premio para os homes que se achegasen a lavar o seu coche.

Un aluvión de críticas e peticións de explicacións foi o que recibiu o Goberno galego após difundir esta campaña. En resposta, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, cargou contra a "desinformación" que, ao seu xuízo, imperara nas críticas á mesma.

Abella cuestionou que "curiosamente" fose "ás portas do 25 de novembro", cando xurdiron unhas críticas que "podían facelas 42 días antes", e afirmou que a gran contestación á campaña debeuse a "un pantallazo de Twitter sacado de contexto". Tivo un custo de 300.000 euros.

Comentarios