QUIQUE COSTAS/ENTREVISTAS ARREDOR DA UNIDADE

“Non avalaremos ningunha candidatura con exclusións”

Falamos co integrante da coordinadora do Encontro galego por unha marea galega no día en que as filiadas da plataforma decidiron en votación non fusionarse con Iniciativa pola Unión. “Mais hai un mandato claro de cooperar ao máximo” con IxU, afirma Costas.

Quique Costas
photo_camera Quique Costas


- As inscritas no Encontro cidadán por unha marea galega decidiron en votación apostar na “cooperación técnica” coa Iniciativa pola Unión e non por confluir ou 'fusionarse'. Que significa esa decisión?

- As dúas propostas que se votaron nesa consulta falaban de cooperar, de traballar xuntos o Encontro e a Iniciativa, e iso é algo que considero que é importante. Mais sobre como facer iso había 2 vías diferentes: un 43% por cento votou por unha das vías, que era a integración, e a maioría pola outra. Mais temos claro que desa votación sae un mandato que nos pide máxima cooperación, un mandato de que debemos actuar de forma unitaria. Somos dúas plataformas diferentes pero actuando nunha mesma liña, por iso tamén tentaremos que haxa accións conxuntas.

- Pulando as dúas na mesma dirección e na mesma liña, por que non son quen de confluír, logo, cales son as diferenzas?

- Habendo coincidencias en apostar na candidatura unitaria e en moitas outros aspectos, creo que si que hai unha diferenza en canto a como se ven cada unha das plataformas. Nós non cremos que sexan nas plataformas onde haxa que configurarse a candidatura, onde deban integrarse os partidos e dar aí ese debate. Para nós a plataforma é un axente da cidadanía que participa neste proceso. Iniciativa pola Unión é partidaria de que os partidos políticos se integren na plataforma e nós somos partidarios de que a plataforma sexa un actor máis, e non un espazo para que se integren os partidos.

"Nós somos partidarios de que a plataforma sexa un actor máis no proceso e non un espazo para que se integren os partidos"

- Se non hai unha plataforma unitaria, é atrevido pensar que pode que non haxa unha única candidatura galega?

- Que haxa unha única candidatura unitaria non vai depender de que haxa unha soa 'plataforma'. Que existan dúas plataformas non aponta a que vaia haber dúas candidaturas, non é así. O que si que nos preocupa é como se está escenificando unha bipolarización, unha especie de dicotomía. E aí nós somos claros, non imos avalar ningunha candidatura que exclúa, que non sexa inclusiva de todo o amplo espectro da ruptura, do cambio; como tampouco imos avalar unha candidatura unitaria que non respecte, asuma e cumpra cos requisitos de participación cidadá. Non imos avalar candidaturas de partidos.

- Acaba de falar de bipolarización. Iso é algo que a xente percebe, que hai como dous polos ou discursos, que non acaban de poñerse todas as partes de acordo...

- Teño claro unha cousa: a xente que non está moi politizada non sabe, nunha porcentaxe moi alta, que existe o Encontro ou que existe a Iniciativa. Mais si que percibe que hai dúas posicións, e iso percíbeo porque ve que hai actores partidarios que están a afortalar esas posicións partidarias, de parte. Iso a nós preocúpanos.

"O grupo parlamentar é fundamental. Agora ben, non debe ser un fin en si propio senón que debe ser un instrumento"

- Que opinión lle merece o pre-acordo acadado entre Anova, Esquerda Unida e Podemos?

- Pois non coñecemos o documento, polo que non temos opinión sobre el. O que si podemos opinar é que se ese documento son as bases dun acordo entre partidos para integrarse nun debate con máis partidos e con outros actores, pois parécenos ben. Se esa é a vontade, a de achegar. Agora, se o que procura é sentar as bases dun deseño de configuración de candidatura, iso non nos parece aceptábel.

- Que requisitos debe ter unha candidatura unitaria galega para o Encontro cidadá?

- Ten que ser unha candidatura que recolla a totalidade do espectro ideolóxico de todos os sectores sociais que están polo cambio real. E a cidadanía ten que ter voz na definición do programa, no funcionamento e dirección do traballo parlamentar, no control da actividade parlamentar. Os candidatos que sexan eleitos deben render contas ante o suxeito que os elixe, a cidadanía. Esa, por dicilo así, 'dimensión cidadá' é algo clave na candidatura. E nese sentido, outro dos requisitos é a defensa de que a cidadanía galega debe ter pleno dereito a decidir en todos os aspectos, en todos. Isto é fundamental no relato discursivo que deba ter a candidatura unitaria.

"Se eu pensase que non é posíbel que haxa unha única candidatura unitaria, non estaría aquí"

- Grupo parlamentar: aspecto fulcral para unha candidatura de unidade ou ben un aspecto co que, por dicilo así, “non hai que facer sangue”.

- Cando nós falamos de que a dirección política dos deputados eleitos corresponde á cidadanía galega e que estes representantes deben dar rendición de contas ante os cidadadáns que os elixen, cidadáns galegos; cae de caixón que o grupo parlamentar é fundamental. Agora ben, dito isto, entendemos que o grupo parlamentar non debe ser un fin en si propio, un obxectivo, senón que debe ser un instrumento para cumprir o mandato dos cidadáns que o elixen, iso é o importante.

- Cre que finalmente haberá unha única candidatura de unidade galega?

- Pois teño unha esperanza e un temor (ri). Se eu pensase que non é posíbel que haxa esa candidatura, non estaría aquí, estaría vivindo a vida cos amigos e o meu entorno (ri). Mais tamén teño certo temor a que algúns axentes partidarios deixen correr o tempo e que iso nos leve a unha situación de feitos consumados, sen case marxe para a cidadanía.

Comentarios