Noelia Otero (PSdeG): "Vigo sufriu un abandono absoluto nestes 11 anos, non existe para o PP"

Entrevistamos a xornalista viguesa Noelia Otero Lago, candidata número 6 do PSdeG por Pontevedra.
A xornalista viguesa Noelia Otero Lago concorre no sexto posto na lista do PSdeG por Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A xornalista viguesa Noelia Otero Lago concorre no sexto posto na lista do PSdeG por Pontevedra (Imaxe: Nós Diario)

—A baixa solicitude de voto exterior prognostica unha alta abstención. Queda tempo para mobilizar o electorado?

Temos que reactivar o votante de esquerda que estaba activo en marzo. Nese mes percibíanse as inquedanzas de cambio que había na xente e tiñamos Feixoo cun pé fóra nas eleccións que se ían realizar en abril. Chegou a crise e Feixoo empregou o confinamento para facer campaña cun uso miserábel da CRTVG.  Debemos desmontar na rúa esa idea de "campaña de boa xestión"  que Feixoo vende de si mesmo mais que está lonxe da realidade. 

—Que fará o PSdeG se chega ao Goberno coa CRTVG?

Como profesional da comunicación que traballei para a TVG dirixindo e presentando programas, sei do que falo. O PP ten amordazada a televisión galega e as e os seus profesionais. A situación é irrespirábel e o trato persoal e laboral que se dá ás e aos traballadores é indecente.

O primeiro que hai que facer é cumprir coa Lei de medios e de transparencia, así como regular. Hai moita normativa europea importante que cómpre ter en conta sobre pluralidade nos medios, igualdade, como evitar o sensacionalismo no tratamento dos sucesos...

—Como deu o paso da comunicación á primeira liña política?

Vin coordinar o Laboratorio de ideas do PSdeG e para nada pensaba integrar unha candidatura e, aínda que non forme parte de ningún partido, son unha persoa claramente de esquerdas.

O que si estou é convencida de dar este paso por dúas cuestións. A primeira é a confianza que teño en Gonzalo Caballero, pois é unha persoa que pode liderar o novo Goberno e ademais é o que precisa Galiza.

A segunda cuestión é porque eu estaba moi farta e pensaba que, ademais de facer chíos, había que dar un paso adiante para dar un cambio político e acabar cos 11 anos nefastos do PP.

Vivín ademais unha experiencia sanitaria de privatización, recortes, maltrato e impotencia co falecemento da miña nai no hospital Álvaro Cunqueiro hai 4 anos. Esta experiencia supuxo un punto de inflexión para dar este paso. As políticas de recortes son insoportábeis e non as merecemos. 

—Ve Caballero presidente?

Absolutamente. É unha persoa formada nunha materia tan importante nunha reconstrución como é a economía e, ademais, é boa persoa, e isto é moi importante para estar en política. 

—Cal debe ser a primeira medida do novo Goberno para Vigo? 

Atender e querer Vigo, porque esta cidade sufriu un abandono absoluto nestes 11 anos. Vigo non existe para o PP e precisamos atender a sanidade e a educación. No meu barrio, por exemplo, levamos anos agardando a que haxa un instituto.

Comentarios