Noa Presas: "Ourense é unha praza fundamental para tombar a maioría do PP"

Hai catro anos Noa Presas deu a volta ás enquisas e foi electa deputada do BNG por Ourense. Agora, volve liderar a lista nacionalista co reto de ampliar a forza do Bloque, vencer a maioría do PP e trazar "un futuro distinto".  

A nacionalista Noa Presas foi electa pola militancia do BNG para volver encabezar a lista por Ourense.
photo_camera A nacionalista Noa Presas foi electa pola militancia do BNG para volver encabezar a lista por Ourense.

—Como reverter o despoboamento en Ourense?
É urxente lograrmos un cambio político na Xunta. Ourense é o expoñente máis claro do fracaso do PP. Eles levan gobernando practicamente todas as institucións desta zona desde hai 40 anos e, mentres, é o lugar do país máis avellentado e con problemas máis serios para consolidar poboación. 

O reto está claro: hai que activar a economía para xerar emprego e que así, a xente quede aquí. 
Urxe pois localizar industria en Ourense. Non é lóxico que mentres que en Pontevedra hai un problema de saturación de oferta do chan industrial, as empresas marchen para Portugal podendo ofrecermos terreo industrial en Ourese, o cal moitas veces fica criando toxos. 

E, por outra banda, está o potencial agrogandeiro. Moitas veces a xente desde fóra ten a imaxe de que en Ourense hai unha gran produción deste sector, mais ao reparamos, por exemplo, na explotación bobina vemos que somos tan só 5% de todo o país, cando aquí temos razas autóctonas e un importante potencial nese eido.

—Celanova, Valdeorras, Ourense... foron epicentros da crise sanitaria nas residencias de maiores. 

Aquí houbo unha falta absoluta de medios e de implicación por parte da Xunta, que se puxo de perfil desatendendo as súas funcións e poño un exemplo: cando faltaba persoal o que facía a Xunta era dar o teléfono dunha empresa de traballo temporal. Ao final, foi en casos como o da residencia de Celanova, onde se tivo que autoorganizar a veciñanza para socorrer as traballadoras exhaustas. Unha vez máis, o pobo salvou o pobo. 

A crise sanitaria e a xestión da Xunta acabou precipitándose e convertendo Ourense na zona cero da COVID-19 nas residencias, porque detrás de todo isto hai un modelo absolutamente privatizado e falido. Os recortes en asistencia e sanidade iniciados en 2008 están a custar vidas. En Ourense basta con ver que 66% das prazas que hai para maiores en residencias son privadas. É a ratio máis alta da Galiza. Ademais temos o monopolio de San Rosendo, que é un lobie baixo protectorado do PP.

Quero recordar que o ex presidente de San Rosendo, Benigno Moure, chegou a ser condenado por roubar medio millón de euros a unha enferma de alzhéimer, e aínda así, foi homenaxeado co aplauso de cargos do PP. 

—Como ve a onda das enquisas?

Hai partido. Ourense é unha praza fundamental para tombar a maioría absoluta do PP e o BNG é quen de facelo posíbel. 

Comentarios