XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG

Máis de 1.600 persoas acreditadas no Palexco

[ACTUALIZADA ÁS 14.12] A militancia aprobou por ampla maioría o informe de xestión do Consello Nacional e rexeitou as catro emendas á totalidade presentadas ao relatorio político. 

Xavier_Vence_AN

Quenda da defensa dos votos particulares á totalidade e ao relatorio do consello nacional nestes momentos. Os autores dos votos particulares pactaron un texto conxunto. É un documento suscrito polos impulsores dos diferentes votos particulares que chegaron ao plenario (as deputadas Carme Adán e Tereixa Paz, Alba Nogueira e que tamén apoia Carlos Aymerich, entre otros), un pacto que se fraguou nestes días.

O documento presentado como transación aposta na designación ou elección dunha "comisión para a refundación e a confluencia, como órgano de dirección durante este proceso, aberta e plural, coa participación de persoas representativas de todas as sensibilidades".

Discurso Vence

“Refundación” e “alianzas”. Esas son as receitas do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, para deixar atrás “o punto delicado” no que se atopa o nacionalismo. “Perdemos apoio e fragmentámonos”, advertiu o nacionalista, que reivindicou unha forza nacionalista “potente” para a Galiza. “O país necesítao”, salientou.

"Falta moito nacionalista en busca dun espazo acolledor"

Após facer un paralelismo entre a historia do nacionalismo a partir da fundación das Irmandades da Fala (1916) e o seu devir actual, o actual portavoz nacional advertiu de que “só avanzamos cando estamos unidos”. “Fixemos cambios e temos que facer máis e máis profundos. Falta moito nacionalista en busca dun espazo acolledor”, apuntou. Para iso, optou por “deixar os matices que nos diferencian a un lado” e por “vernos como compañeiros”.

Subliñou a continuación que a refundación non debe ser para “repintar” e avogou nunha “única sigla, unha única lealdade e unha única dirección: leninismo puro”.

Na mesma liña, apostou en “non mudar de barco, pero si andar no medio do caladoiro”. “A xente entendeu que a fragmentación era unha trampa mortal que favorecía a dereita. Hai que tomar nota e saber aceptar as prioridades acuciantes”, sinalou, en referencia ás eleccións galegas deste 2016.

"Non podemos tapar os oídos e seguir co piloto automático"

A prioridade: derrotar o PP

“A soberanía aínda está moi distante para ser a solución. Hai que vencer o PP e as políticas neoliberais. Ese é o punto e a hora da base social. Non podemos tapar os oídos e seguir co piloto automático”, advertiu, para engadir que “derrotar o PP ten que ser a prioridade do 2016”.

Vence concluíu a súa derradeira intervención como portavoz nacional ao berro de Viva Galiza Ceive e con aplausos da bancada.

Cheo absoluto na Asemblea Nacional

No momento da edición desta noticia, hai cheo absoluto no auditorio no que está tendo lugar a XV Asemblea Nacional do BNG.

Finalmente, non houbo acordo entre as dúas candidaturas que se presentan ao Consello Nacional, malia que en días anteriores amosaran tal intención. Así, mantense a lista encabezada por Ana Pontón -a candidatura proposta polo Consello Nacional saínte- e a encabezada por Carlos Branco -formada por unha vintena de militantes da Barbanza-.

Comentarios