No Al-Nakba, o Parlamento reclama que a comunidade internacional exixa a Israel o cumprimento das resolucións da ONU

A Cámara galega aprobou esta cuarta feira unha declaración institucional promovida pola plataforma BDS-Galiza na que se exixe que Israel respecte os dereitos "humanos" e "colectivos" do pobo palestiniano

Manifestación en Palestina polos 65 anos da Al-Nakba
photo_camera Manifestación en Palestina polos 65 anos da Al-Nakba

Como cada 15 de maio o pobo palestiniano conmemora a Al-Nakba. O desastre. O comezo do éxodo que obrigou a milleiros de palestinian@s a abandonaren o seu lar e a súa terra por mor da ocupación israelí. 

No 65 aniversario desta data, o Parlamento de Galiza aprobou unha declaración institucional mediante a cal "reclama da comunidade internacional que esixa a Israel" o cumprimento das resolucións aprobadas polas Nacións Unidas. Desde BDS valoran "moi positivamente" que a Cámara galega dera "este paso" que consideran "histórico" malia recoñeceren que a falta de competencias e capacidade soberana do Parlamento lle outorga máis "un carácter simbólico", matiza Daniel R. Cao desde BDS-Galiza.  

Neste senso, o pasado ano 2011, o BNG presentara unha outra declaración que fora rexeitada polo grupo maioritario da Cámara. 

Desde BDS-Galiza valoran "moi positivamente" a declaración da que din reflite que "na Galiza hai un movemento de solidariedade" con Palestina que ten "capacidade de influencia suficiente"

Un paso histórico para o movemento de solidariedade da Galiza con Palestina

Así as cousas, acrecenta Daniel, "a nivel formal" fica claro que "na Galiza hai un movemento solidario" que embora non sexa "cuantitativamente" moi numeroso "cualitativamente" posúe "capacidade de influencia" suficiente para promover que o poder lexislativo se posicione contrario á represión israelí contra o pobo palestiniano. 

A declaración, que foi presentada polo Bloque Nacionalista Galego e contou tamén co apoio da AGE, foi negociada a pasada semana con parlamentares do Partido Popular. Neste senso, apuntan desde BDS-Galiza, @s populares condicionaron o seu voto favorábel á resolución á "vía libre" dunha outra en relación ao Holocausto nazi. Daniel R. Cao aclara que desde o movemento de solidariedade con Palestina rexeitan calquera violencia exercida contra os pobos. 

A declaración aprobada esta cuarta feira exixe a Israel "o respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos" mais tamén os dereitos colectivos do pobo palestiniano e o recoñecemento do dereito deste a retornar "ás terras e casas das que foron expulsadas" á fin de construír, di o texto, "un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito". 

Comentarios