“NON TEMOS INTERESES NAS MODAS PASAXEIRAS”, DI NO DISCURSO DE CLAUSURA DO XIV CONGRESO DA UPG

Néstor Rego ve na “auto-organización” e na “confianza no pobo” as chaves para conquistar a soberanía

“A liberdade de Galiza depende exclusivamente de nós e pasa por organizar o noso pobo”. Baixo esta idea artellou o secretario xeral da UPG, Néstor Rego, a súa intervención na clausura do XIV Congreso do partido no Pazo de Cultura de Pontevedra.

Congreso UPG
photo_camera Néstor Rego, na clausura do Congreso da UPG

Co poema Á Patria, de Manuel María, comezaba o discurso de clausura do XIV Congreso da UPG o seu secretario xeral, Néstor Rego, que insistiu na necesidade da auto-organización do pobo para acadar a liberación social e nacional.

“O noso camiño non pasa por poñer as esperanzas como pobo no que poidan decidir en Madrid ou no que acontecer na Porta do Sol. Desde 1916, o nacionalismo galego entendeu que a liberdade de Galiza depende exclusivamente de nós”, afirmou xa ao inicio da súa intervención. Referiuse non só ao caso do país, senón tamén a casos alleos, para explicar como ao longo da historia as nacións que acadaron a independencia sempre o fixeron arredor da “auto-organización e da confianza”.

"A Galiza de hoxe sería peor sen o contributo imprescindíbel do nacionalismo"

Aludiu tamén "ao momento complexo" que vive o nacionalismo galego, mais advertiu de que existe “unha base moi sólida sobre a que continuar a traballar”. Nesta liña, salientou que “con todos os problemas e dificultades que combatemos todos os días, a Galiza de hoxe sería peor sen o contributo imprescindíbel do nacionalismo. E tamén dicimos desde a modestia que o nacionalismo galego contemporáneo, que é unha construción colectiva de milleiros de persoas, non sería o mesmo nin se podería entender  tal e como é sen o contributo do traballo xeneroso da UPG”.

Modas pasaxeiras

Néstor Rego lembrou que o nacionalismo “naceu non para acatar máis que os intereses da nación” e a “vontade da liberdade do pobo”. “Non temos ningún interese nas modas pasaxeiras” nin “en participar do festival de palabras ocas nin no “show do prime time televisivo”, engadiu. Fronte a isto, defendeu que o nacionalismo é un proxecto “serio e rigoroso” que “é consciente das enormes potencialidades do noso país” e que “confía plenamente na capacidade do pobo galego para tomar conta por si no seu propio destino”.

"É preciso reforzar un proxecto nacionalista que aposte na conquista da soberanía e que se sustente como sempre fixo na práctica da auto-organización do pobo galego"

Apuntou que a UPG “concordou moito” co proceso de refundación do BNG, un proceso “que partía de certezas que cumpría manter: que Galiza é unha nación e que ten dereito á autodeterminación como maneira de chegar á independencia e de obter a soberanía”. Subliñou que “é preciso reforzar un proxecto nacionalista actuante na sociedade, que aposte, sen ideoloxismos estériles e de maneira decidida, na conquista da soberanía; que se sustente como sempre fixo na práctica da auto-organización do pobo galego e que aspire a conquistar novos espazos e novos continxentes desde a base de sumar forza e pluralismo”. Néstor Rego afirmou que “non hai nada novo nesta posición”, que “segue a ser revolucionaria, porque vai contracorrente e cuestiona desde o máis profundo a lóxica do poder”.

Aliás, puxo de manifesto que a UPG participa de maneira activa no proceso de debate do BNG para afortalar o pluralismo e alargar a base militante. Dixo ao respeito que “o pluralismo é un dos grandes valores positivos do nacionalismo” e ratificou o compromiso do partido a contribuír a reforzalo. Lembrou, a continuación, que o Bloque “é unha organización de afiliación individual onde todas as opinións individuais ou colectivas son igual de lexítimas e onde as decisións son adoptadas democraticamente pola militancia sobre a base de unha persoa/un voto”.

Un camiño que leva á liberación nacional e social

“O camiño que escollemos non é fácil, pero é certo e é o único posíbel para nos conducir ao noso obxectivo. O nacionalismo que hoxe representa o BNG é a resposta da auto-organización do pobo galego para traballar pola liberación nacional e social. Esta é unha das nosas fortalezas”, subliñou. “Imos de lonxe e imos para lonxe. O noso obxectivo é a soberanía e a independencia da nosa nación para construír unha sociedade nova, democrática, xusta igualitaria e libre. Non nos vai deter un revés no camiño, nin o desánimo”, asegurou. De aí que advertise de que “traballaremos nas eleccións xerais con ilusión e entusiasmo” e lembrou que "o obxectivo final é máis grande e profundo que uns comicios: conquistar a liberación social e nacional de Galiza”.

"Non nos vai deter un revés electoral nin o desánimo no camiño cara á liberación nacional e social da Galiza"

Néstor Rego rematou a súa intervención como comezou, tomando emprestadas as palabras do poeta nacional, Manuel María, que estivo moi presente neste XIV Congreso da UPG e cuxo nome espertou o entusiasmo do auditorio.

Ana Pontón: Non hai no Estado ningunha nación que precise máis o nacionalismo que Galiza

Antes da intervención de clausura por parte do secretario xeral da UPG, tomou a palabra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen reivindicou que “non hai nada máis rupturista que ser nacionalista” e quen salientou que o Bloque “promove a unión de todos e todas as que queren ser galegas no mundo”.

Pontón apelou a ter “confianza no proxecto e no país, en Galiza e nas súas xentes"

Pontón asegurou que “non hai no Estado ningunha nación que precise máis o nacionalismo que Galiza” e reclamou “que as dificultades non nos paralicen, pois deben ser alento e aliciente para mellorar o que facemos”. Tamén apelou a ter “confianza no proxecto e no país, en Galiza e nas súas xentes”. E finalizou cunha chamada á implicación de todos e de todas “con ilusión e optimismo” nos “retos que temos por diante”.

Membros do Comité Central

Segundo o acordado polo conxunto da militancia da UPG, os membros do novo Comité Central do partido son os seguintes:

Antón Álvarez Merayo

Alberte Ansede Estraviz

Manuel Caride Correa

Paulo Simón Carril Vázquez

Xosé Manuel Carril Vázquez

Xosé Manuel Casal Sabín

Rubén Cela Díaz

Marcos Conde Farto

Duarte Correa Piñeiro

Manuel Da Cal Vázquez

Marta Da Costa Alonso

Carme Da Silva Méndez

Ana Ermida Igrexas

Dores Fernández Abel

Ramón Fernández Alfonzo

Alberte Fernández Silva

Xosé Ferreiro Fernández

Tareixa Antía Ferreiro Tallón

Iria Figueroa Torres

Xabier Filgueira Domínguez

Anxela Franco Pouso

Xesús García Couso

María Pilar García Negro

Xacobe García Souto

Francisco García Suárez

Xoán Carlos Garrido Couceiro

Daniel Gómez Rodríguez

Demetrio Gómez Xunqueira

Xosé Ramón González Lousada

Anabel Gulías Torreiro

Anxo Igrexas Covelo

Rafael Igrexas García

Francisco Joquera Caselas

Xosé Antón Ledo Pan

Bieito Lobeira Domínguez

Cristina López Sánchez

Diego Lourenzo Moura

Anxo Louzao Rodríguez

Ignacio Louzao Rodríguez

Marcos Maceira Eiras

Belén Martínez Portela

Andrea Martíns Fernández

Xosé Manuel Méndez Díaz

Susana Méndez Rodríguez

Alberte Mera García

Lois Neto López

Montse Nóvoa Gómez

Serafín Outeiro Fernández

Ana Isabel Paz Vilar

Rosana Pérez Fernández

Xabier Pérez Igrexas

Elisa Pérez Vázquez

Manuel Polo Gundín

Cosme Eladio Pombo Rodríguez

Montse Prado Cores

Elsa Quintas Alborés

Néstor Rego Candamil

Xosé Regueira Varela

Iván Ribas Rico

Elia Rico Lagarón

Adrián Rodríguez Bravo

Manuela Rodríguez Pumar

Francisco Rodríguez Sánchez

Iria Salvande Lourenzo

Silvia Seixas Naia

Xesús Seixo Fernández

Elías Somoza Regueiro

Xesús Soto Viveiro

Almudena Taboada Castro

Mercedes Tobío Rodríguez

Xosé Fernando Varela Parada

Antonio Veiga Outeiro

Comentarios