Néstor Rego urxe aplicar unha tarifa eléctrica galega, como vai facer Aragón

O BNG defende que a Galiza "poida beneficiarse de ser país produtor". 
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

O anuncio do presidente de Aragón da tramitación dun decreto lei para dotarse dun sistema enerxético propio e ter a enerxía máis barata do Estado reactivou o debate para que a Galiza teña unha tarifa propia.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou de novo iniciativas para dotar a Galiza dun sistema tarifario propio, a través da tarifa eléctrica galega. 

A formación nacionalista defende a aplicación desta tarifa diferenciada “para que a Galiza poida beneficiarse da súa condición de país produtor excedentario de electricidade” e para “compensar os elevados custos sociais e ambientais desa condición”. 

Alén diso, o BNG reclama o control social e público do sector enerxético, para garantir que sexa realmente un ben ao servizo da sociedade e non un produto para a especulación. 

"Non son as primeiras declaracións de Pedro Sánchez nin tampouco de Lambán [presidente de Aragón] que abren a porta a estabelecer algún tipo de compensación pola xeración excedentaria de enerxía”, asevera Néstor Rego.

Por este motivo apunta que está “ben que valore compensar Aragón por esta condición mais o Goberno español non pode seguir negando á Galiza o que permitirá a outros territorios do Estado”. 

Demanda reiterada

Non é a primeira vez que o BNG leva o Parlamento galego e ao Congreso español este debate mais, ao contrario do que acontece noutros territorios, o PP e o PSOE votan "sistematicamente en contra", sinalou Rego, que defende que "a Galiza non pode continuar de espectadora mentres comunidades como Aragón ou Castela e León -con Gobernos do PP e do PSOE- piden compensacións pola súa produción de enerxía renovábel".

Comentarios