Política

Néstor Rego solicitará no Congreso medidas para paliar as perdas no sector do mar

O portavoz do BNG no Congreso das Deputadas considera fundamental o fomento do consumo dos produtos do mar, frescos e saudábeis por parte do Goberno do Estado e da Xunta da Galiza.
Néstor Rego na reunión telemática co sector pesqueiro da Mariña (BNG).
photo_camera Néstor Rego na reunión telemática co sector pesqueiro da Mariña (BNG).

O portavoz do BNG no Congreso das Deputadas, Néstor Rego, solicitará medidas concretas para apoiar ao sector do mar polas perdas ocasionadas nesta situación excepcional pola crise do coronavirus. O deputado considera fundamental o fomento do consumo dos produtos do mar, frescos e saudábeis. 

"É necesario que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta da Galiza se comprometan a realizar campañas que favorezan o consumo de peixe fresco", manifesta Néstor Rego nun comunicado.

Rego mantivo esta terza feira unha reunión telemática con varios representantes do sector pesqueiro da Mariña entre os que se encontraban Basilio Otero, presidente da Federación Provincial de Confrarías e da Federación Nacional de Confrarías; Eduardo Miguez, xerente do Porto de Celeiro; Miguel Neira, xerente de ABSA; Sergio López, representante da OPP-07; e Tito Sixto, presidente de Adexmar.

Tamén asistiron ao encontro virtual, por parte do BNG, a responsábel comarcal e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o tenente alcalde de Foz, Francisco Xavier Fanego; o responsábel de política municipal e organización, Antonio Veiga; a portavoz municipal en Viveiro, Miriam Bermúdez; e o portavoz municipal de Burela, Mario Pillado.

Caída nos prezos

As nacionalistas trasladan a "profunda preocupación do sector pesqueiro polo descenso da venda de peixe e a gran caída dos prezos como consecuencia da redución da demanda, especialmente polo cesamento da actividade na hostalaría e restauración". Isto incide na redución dos ingresos, mesmo dos barcos que mantiveron a actividade por ser considerada esencial, polo que o sector reclama medidas de apoio e axudas polo lucro cesante que compensen esas perdas.

O deputado nacionalista solicitará ao Goberno do Estado a atención ás reclamacións do sector e especificamente as modificacións que foran necesarias para que sexan de aplicación o uso dos fondos da Unión Europea, como o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca), para que persoas afectadas pola crise xerada como consecuencia da emerxencia sanitaria poidan percibir axudas que lles permitan sobrevivir e garantir os seus dereitos como profesionais do mar, até que se se dean as condicións para desenvolver a actividade con normalidade.

Pescadores: colectivo sensíbel

Por outra banda, o BNG solicitará que se resolvan canto antes as dificultades actuais para o traslado de tripulacións e trasladará a petición do sector de declarar os pescadores como un colectivo sensíbel.

Así, Rego solicitará medidas de protección e seguridade como o abastecemento de tests de detección da COVID-19, "necesarios para poder embarcar con garantías e para poder realizar os relevos nas frotas que se encontran, ou teñen que entrar a porto, en terceiros países".

"É fundamental que os barcos vaian equipados de máscaras, luvas e termómetros, ao ser material necesario para intentar garantir que non haxa contaxios nas frotas que operan en caladoiros afastados nos que os tripulantes están maior tempo confinados e sen posibilidade de asistencia médica inmediata", abundou o deputado. 

Comentarios