Néstor Rego revalida como Secretario Xeral da UPG

Compostela acolleu os debates do XVI congreso da Unión do Povo Galego que, baixo o lema '60 anos de loita pola soberanía da Galiza e o socialismo', reelixiu Néstor Rego como secretario xeral deste partido integrado no BNG.

Néstor Rego, pronunciando o discurso de clausura do XVI Congreso da UPG.
photo_camera Néstor Rego, pronunciando o discurso de clausura do XVI Congreso da UPG.

O Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela acolleu este domingo, 7 de xullo, o XVI congreso da Unión do Povo Galego (UPG), que celebra este 2024 sesenta anos de vida. No encontro, Néstor Rego foi reelixido por unanimidade secretario xeral da formación. Rego é deputado no Congreso polo BNG dende 2020.

Tras a súa reelección, Rego dirixiuse ao Congreso para lembrar que o vindeiro 25 de xullo a UPG fará sesenta anos e que "como todos os prexectos políticos serios e sólidos", sempre constituíu "un proxecto colectivo", para lembrar e agradecer a todas as persoas que contribuíron a "ese fermoso proxecto" nun momento ou outro destas seis décadas pasadas, "algúns deles, durante toda unha vida".

"Ninguén discute que o nacionalismo galego de hoxe non sería posíbel sen a existencia da UPG", afirmou o reelixido Secretario Xeral, recoñecendo que, mesmo en tempos difíciles, o partido sempre estivo decidido a reorientar a sociedade galega cara a posicións de esquerdas e antiimperialistas, e  tamén  a "fomentar a autoorganización popular en todos os ámbitos en que foi posíbel, en impulsar un sindicalismo nacionalista e de clase que hoxe recoñecemos con orgullo, co nome de Confederación Intersindical Galega, como a primeira forza sindical da Galiza ", lembrou entre os aplausos das asistentes. 

No seu discurso, Rego subliñou que "estamos aquí porque nun mundo cada vez máis desigual, inhumano e inxusto" é necesario que existan forzas políticas que aposten por "unha sociedade nova e diferente", sen esquecer que "malia a propaganda capitalista, o mundo é, felizmente, moito máis grande e diverso". Nun mundo que "hostiliza pobos soberanos e que patrocina unha escalada belicista que dificulta a vida dos traballadores e traballadoras e por en risco a paz mundial, son máis precisas do que nunca forzas coherentemente antiimperialistas".

"Mais sobre todo estamos aquí", continuou, "porque nunha Galiza cada vez máis dependente e espoliada, empobrecida polas políticas que padece, vítima dun proceso programado de desnacionalización que afecta a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa propia existencia como povo, é absolutamente necesario un nacionalismo cada vez máis forte capaz de avanzar e de se situar en posición de disputar a hexemonía política ao españolismo como paso previo e imprescindíbel para verificar o obxectivo final da soberanía".

Rego aseverou que "o país vive auténticas ofensivas contra os intereses populares", citando Ence, Alcoa, Altri ou o espolio eólico, "que é necesario enfrontar con decisión", "e aí está como sempre estivo, a UPG". E lembrou como, no pasado, o pobo foi quen de paralizar a central nuclear proxectada en Xove. "Con mobilización, con loita, con determinación política impedimos a construción dunha nuclear no noso país (...) e tende a certeza de que con mobilización, con loita, con determinación política tamén imos impedir a construción da macrocelulosa na Ulloa".

"Que hoxe o movemento nacionalista se ache no seu mellor momento político, sindical e electoral, para alén da lóxica satisfacción, formúlanos novos desafíos e responsabilidades, especialmente, como actuar para consolidar o terreo gañado e, a partir de aí, producir novos avances", propuña Rego, para marcar como obxectivos "alargar a conciencia nacional mantendo con firmeza o discurso nacionalista que nos trouxo até aquí, aumentar a organización e a militancia politicamente activa, consolidar unha base municipal máis ampla e sólida, reforzar a autoorganización do pobo galego prestando especial atención a aqueles ámbitos en que estamos máis fracos, activando a mobilización popular e os conflitos que existen no noso País e perfeccionando as sinerxías do traballo social co traballo institucional".

Rego rematou o seu discurso solidarizándose especialmente co pobo palestino, "diante do xenocidio, do masacre criminal que está a perpetrar o sionismo en Gaza, mais tamén na Cisxordania". 

Delegación do BNG encabezada por Ana Pontón

A clausura contou cunha delegación da dirección do BNG encabezada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, quen mostrou o seu agradeemento "a todas e cada unha das persoas que en tempos moi duros e complexos ergueron a bandeira de Galiza, sen eles non chegaríamos a onde estamos"; dixo, nun recoñecemento explícito ás moitas das históricas da UPG.

"Saber de onde vimos é importante, máis as organizacións teñen que mirar para adiante, estamos nun momento con grandes expectativas de futuro", continuou Pontón. Nese sentido fixo mención a liña marcada en 2016, ao contributo da UPG nesa liña, e sinalou que "hoxe, o BNG, sen renunciar a ningún dos seus principios, tivo resultados históricos nas eleccións galegas".

Lembrou Pontón a Bautista Álvarez, fundador da UPG, a quen agradeceu o seu contributo ao nacionalismo galego, e remarcou que o BNG é unha organización integra e que non se vende a nada nin a ningunha multinacional, nese sentido chamou a defender un modelo enerxético sustentábel, "sen Ence en Pontevedra nin Altri na Ulloa", e contra un modelo "depredador" que busca facer de "Galiza unha colonia enerxética de Madrid".

Destacou catro retos de futuro: seguir ensanchando a organización e seguir medrando electoral e organizativamente nos concellos; continuar afortalando a unidade e cohesión do BNG, acompasar crítica e autocrítica e coidar a convivencia e a cohesión; fortalecer a experiencia acumulada; e ensanchar o BNG, "incorporar cada vez máis pobo ao BNG", rematou.

Delegacións doutras organizacións

Ademais de organizacións sociais galegas, tamén estiveron presentes no acto de clausura representantes de partidos comunistas soberanistas de distintos pobos e outros que non puideron asistir, enviaron saúdos, entre eles o Partido Comunista de Alemaña, o Partido dos Traballadores de Bélxica, o Partido Comunista do Brasil, o Partido Comunista de Cuba, Sortu (de Euskadi), o Sinn Féin irlandés, a Frente Popular para a Liberación de Palestina, o Partido Comunista Portugués, ou o Partido Socialista Unido de Venezuela. 

Entre as organizacións da Galiza, estiveron presentes Vía Galega, a Federación Galiza Cultura, a CIG, a Federación Rural Galega, Galiza Nova, o Movemento Arredista, a Mesa pola Normalización Lingüística, SOS Sanidade Pública ou a Marcha Mundial das Mulleres entre moitas outras.

A tese política pon o foco no eixo Galiza - España

O Congreso debateu e por unanimidade aprobou as novas teses das que se dota o partido. O documento apunta que “o novo contexto internacional está marcado pola agresividade do imperialismo, que se resiste a perder a súa hexemonía diante dunha nova orde internacional multipolar  que se abre, impulsada por países que fan da defensa da súa soberanía o eixo das súas políticas” e destaca que “a nivel internacional a contradición principal sitúase entre a defensa da soberanía nacional e o imperialismo”. 

A escalada bélica, con Palestina e o leste de Europa como puntos quentes, o papel da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e a posición da Unión Europea (UE) nesta nova conxuntura foron algunhas das cuestións obxecto de debate. Nesta dirección, a UPG entende que a guerra en Ucraína “só pode ser explicada en parámetros políticos e xeoestratéxicos globais, non sendo Rusia e Ucraína os únicos contendentes. Os Estados Unidos, como potencia en declive, ten neste momento como principal obxectivo trabar o camiño á China e, nesa liña, conseguir que a súa alianza estratéxica con Rusia non vaia a máis é fundamental, dado que arredor deses dous Estados se está a configurar un novo polo internacional”.

A UPG outorga un papel chave á OTAN nesta nova dialéctica. Ao tempo, analiza criticamente o papel da UE e conclúe que “nunca foi ningún contrapeso aos Estados Unidos como defendía parte da socialdemocracia europea. Tampouco un aliado en pé de igualdade. É unha  sucursal. Unha caste de protectorado anglonorteamericano que traballa en moitas ocasións mesmo en contra dos intereses obxectivos da propia UE”. Nesta perspectiva, Rego indica que “a Unión Europea é cada vez máis submisa cos Estados Unidos”.

A formación nacionalista destaca a “primacía real do eixo Galiza-España” fronte á “polarización esquerda-dereita” na actual conxuntura estatal. Nesta orientación, nas teses apúntase  que “a radicalización para a dereita exprésase en primeiro lugar en posicións cada vez máis ultraespañolistas" e analízase que non hai “ningún tipo de ruptura no bloque  constitucional". Así, sinálase que naquelas cuestións que son consideradas por ambas as formacións [PSOE e PP] como "políticas de Estado, mantense unha unidade básica”. Nesta derivada, as teses consideran que “na Galiza non é posíbel facer política transformadora sen ser en chave nacional”.

Comentarios