Néstor Rego reclama na Coruña que o Estado asuma o custe do porto exterior

O número un ao Congreso do BNG pola Coruña comparece en rolda de prensa diante da fachada marítima e insiste en que o Estado debe devolver á cidade os terreos do porto interior que vaian quedando sen uso e asumir todo o custe das obras do porto exterior, tal e como aconteceu no caso de Valencia.
Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera, esta quinta feira na Coruña.
photo_camera Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera, esta quinta feira na Coruña.

“O BNG defenderá no Congreso que o Goberno central asuma o custe de Punta Langosteira e que os terreos do porto interior sexan reintegrados de xeito gratuíto á Coruña. Non pode ser que se condone a débeda do porto de Valencia e se discrimine a Galiza”, advertiu Néstor Rego nunha rolda de prensa xunto a Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, e Francisco Jorquera, portavoz municipal do BNG na Coruña.

"Non faremos o que fixeron PSOE e Podemos", dixo Ana Pontón criticando o papel destas formacións no Congreso durante as últimas lexislaturas. "Hai que poñer a axenda galega real no mapa", insistiu a portavoz nacionalista e reivindicou a presencia do BNG en Madrid. Pontón re-clamou a transferencia dos portos de interese xeral do Estado a Galiza "por eficacia", para "facer una política integral" desde a Xunta. 

“Creemos que os portos son un elemento fundamental para dinamizar a actividade económica e que ninguén mellor que as galegas e galegos para xestionalos. Por iso queremos mudar esa situación facendo que Galiza xestione todos os portos”, engadiu Rego, que tamén lembrou que o BNG vén reclamando hai anos as competencias sobre o tráfico marítimo. 

“É lóxico, sendo Galiza unha potencia pesqueira, sendo o corredor de Fisterra un dos principais corredores marítimos internacionais, que a política de seguranza e salvamento marítimo se siga ditando dende a meseta?”, preguntouse Francisco Jorquera.
 

Comentarios