"Formar grupo daranos máis presenza no Congreso, pero tamén nos pode interesar volver ao Mixto"

O deputado do BNG Néstor Rego explica as vantaxes de compartir grupo parlamentario no Congreso con outras tres formacións: JxCat, Más País e Compromís. Sinala que o BNG gozará de máis tempo de intervención e maiores posibilidades de presentar iniciativas ou proposicións e mesmo de participar en comisión. Máis non descarta que poidan volver integrarse no Mixto se ese grupo ofrecera a oportunidade de desenvolver a mesma acción parlamentaria.
Néstor Rego. (Arxina)
photo_camera Néstor Rego, en Compostela. (Arxina)

"Non hai lugar a interpretacións políticas, é un acordo puramente técnico", sinala Néstor Rego desde o Congreso en conversa telefónica con Sermos Galiza. "Non hai dúbida de que politicamente temos poucas afinidades con partidos como Junts ou Más País, pero si tiñamos a oportunidade de mellorar a nosa capacidade operativa e visibilizar Galiza, que é o obxectivo do BNG no Congreso".

Néstor Rego avanza que a Mesa do Congreso debe estudar mañá, sexta feira, a validez dos distintos grupos que se formaron. Di que o Grupo Múltiple cumpre os requisitos esixidos e espera que non haxa impedimento ningún. O deputado nacionalista explica que, dentro desde grupo, o BNG gozará de "máis minutos de intervención nos plenos, porque non é o mesmo repartir entre 11 [as forzas que constituían inicialmente o Grupo Mixto] que entre 4. E ademais disporemos de máis oportunidades para presentar iniciativas, proposicións, interpelacións ou preguntas orais. Tamén poderemos acceder a máis comisións, mesmo ser portavoces nalgunha delas". 

A respecto da posibilidade de que o Grupo Mixto se converta, despois da saída de varias formacións cara o Grupo Múltiple e cara o Grupo España Plural, nun espazo máis operativo, Rego non descarta a posibilidade de regresar. "Iso fai parte do acordo con JxCat, Más País e Compromís. O grupo que agora se constitúe pode seguir funcionando coa metade dos deputados segundo o regulamento. Así que veremos como quedan todos os grupos e decidiremos, porque pode pasar que no Mixto fiquen só un par de formacións. Formar grupo daranos máis presenza no Congreso, pero tamén nos pode interesar volver ao Mixto",

Comentarios