Rego: "Mentres as familias non poden pagar a luz, as grandes eléctricas gañaron 6.500 millóns en 2021"

"É simplemente indecente", sentenciou o portavoz do BNG no Congreso.
Intervención do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nesta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Intervención do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nesta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, criticou na sesión de control ao Goberno desta cuarta feira que, "mentres as familias non poden pagar a luz ou a calefacción, as 3 grandes eléctricas gañaron en 2021 6.500 millóns de euros".

Rego interviu cunha pregunta á vicepresidenta primeira do Goberno español, Nadia Calviño, sobre que medidas vai adoptar o Executivo estatal para frear a "brutal escalada de prezos que está a provocar perda de poder adquisitivo e empobrecemento das clases populares".

O deputado nacionalista lamentou que as clases popilares galegas e do Conxunto do Estado español "enfróntanse á escandalosa suba xeralizada dos prezos". Para Rego, trátase dunha desvalorización monetaria que ten como consecuencia "un abrupto empobrecemento da maioría da sociedade".

"Quen chegaba con dificultades a fin de mes, hoxe xa non chega, e quen non chegaba, agora chega moito menos", lamentou Rego, para despois sinalar que o aumento dos prezos tivo lugar en todos os ámbitos, polo qiue as persoas que cobran o mesmo salario que o ano pasado afrontan moitos máis gastos.

Resposta da vicepresidenta Nadia Calviño

En resposta á pregunta do deputado do BNG, a vicepresidenta primeira do Goberno español afirmou que o Executivo "actuou desde fai meses, cando comezou o aumento dos prezos da enerxía, para amortiguar o efecto negativo" sobre familias e empresas.

Calviño enumerou a baixada de impostos relativos á electricidade,"eliminando totalmente algún deles de xeito temporal", a redución dos costes de funcionamento do sistema para as empresas, a extensión da "protección aos máis desfavorecidos" coa ampliación dos bonos sociais.

Asemade, a ministra de Economía subliñou que o Goberno está a encabezar o intento de promover unha resposta europea ao "chantaxe ao que estamos a ser sometidos". Tamén sinalou o diálogo existente cos axentes sociais para alcanzar un pacto de rendas.

Máximo histórico do prezo da luz

Na réplica, Rego fixo referencia ao aumento incontrolado do prezo da luz, que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, achacou ás consecuencias do conflito militar en Ucraína. "Hoxe, o megavatio hora bate un novo récord, 743 euros", detallou.

Porén, o nacionalista sinala que este incremento dos prezos vén de máis atrás, xa que "desde decembro de 2020 este prezo multiplicouse por 10". Puxo como exemplo do lucro que está a supor para as grandes eléctricas o incremento do prezo da luz o caso do presidente de Iberdrola, José Ignacio Sánchez Galán, que "embolsouse 13,2 millóns de euros en 2021, 8% que en 2020". "É simplemente indecente", sentenciou Néstor Rego.

O deputado contrapuxo que, fronte á alternativa do Goberno de "pacto de rendas e contención salarial", o BNG propón baixar o Imposto do Valor Engadido (IVE) dos alimentos básicos, subir salarios e pensións, unha reforma fiscal que non deteriore as condicións das traballadoras e recortar os beneficios das eléctricas.

"O Goberno español non pode poñerse de perfil nin botarlle a culpa a factores externos porque a situación vén de moi atrás", asegurou Rego, "e nin moito menos facer que esta crise a paguen os traballadores, os autónomos, as maiorías sociais e os pobos". "Ese non é o camiño", engadiu.

Comentarios