"Nestes 40 anos de autonomía España gaña por goleada"

Falamos ás portas do 25 de Xullo con Joam Peres, membro da dirección de Causa Galiza e unha das nove persoas imputadas na ‘Operación Jaro’. Desbota derrotismos e pesimismos para incidir no independentismo como a chave que abre a porta a unha outra Galiza. “Un segundo ciclo de autonomismo sería un suicidio para o país”, sostén. 

joam peres causa galiza operación jaro
photo_camera Joam Peres [Foto cedida]

- Causa Galiza volve convocar ela propia un Día da Patria após o obrigado parón de 2016 pola 'ilegalización' de facto decretada pola Audiencia Nacional. Como estades a perceber a resposta á convocatoria no mundo do independentismo e mesmo no do nacionalismo?

- Lograr a supervivencia dun gromo de proxecto político independentista despois do sucedido nos últimos cinco anos, cunha presión policial e xudicial importante e un fluxo significativo de xente cara a vida privada e a “antipolítica”, é algo que, en si mesmo, se podería considerar un pequeno éxito. Máis aínda cando a montaxe política e xudicial da que somos obxecto continúa. Como se recibe a convocatoria? Entendo que cando menos en círculos de base do nacionalismo hai un recoñecemento a esta capacidade de resistencia e continuidade. No mundo independentista as cousas son máis complexas: tamén existe esta percepción, mais hai un escepticismo xeneralizado sobre a posibilidade de asentar un proxecto e unha estratexia independentistas solventes. É unha barreira a superar, levará o seu tempo e non é tarefa sinxela, mais niso estamos. A forte implicación de xente nova na campaña deste Día da Patria apunta a que o vamos lograr.

- Convocades en solitario após facer un chamamento a BNG e Anova para un Día da Patria conxunto, chamamento que non chegou a bo porto

- Un ano máis, contactamos co Bloque e Anova para partillar unha lectura da situación que integraba o esgotamento do ciclo autonómico, a avaliación negativa do mesmo e a inutilidade de reeditalo, a independencia como único estatus que pode materializar a nosa soberanía e, por tanto, a necesidade de estratexias e tácticas críbeis neste sentido. Alén da lectura, propuxemos unha mobilización unitaria nestes parámetros. O obxectivo foi inviábel porque nin Causa Galiza ten hoxe a capacidade de “tracción” necesaria para condicionar a posición destas forzas nacionalistas, nin estas -desde a nosa óptica- están por abrazar a perspectiva independentista na práctica, porque optan por combinar unha retórica rupturista ocasional cunha praxe “posibilista” que visa a reforma do Estado.

- Un 25 de Xullo baixo parámetros independentistas e de rexeitamento de vías autonomistas e federalistas. Unha aposta, a independentista, que se mantén -con máis ou menos presenza, máis ou menos explícita, con maior ou menor apoio- desde as primeiras convocatorias do 25 de xullo. Porén, a capacidade de convocatoria é 'modesta', así como a súa introdución social. Como se pode cambiar isto?

- Máis que incidir na minorización, que penso é unha ladaíña improdutiva, destacaría outros parámetros máis positivos: a reivindicación independentista, como reclamación estratéxica, aínda estando minorizada, encóntrase en máximos históricos de apoio social en Galiza. Percíbese socialmente e, se nos fiamos de certas prospeccións demoscópicas oficiais, é unha opción que contempla como asumíbel o 11% da poboación galega. A reclamación do dereito de autodeterminación é aceptada formalmente por case 40% da mocidade. Son chamativos estes dados nun país onde o independentismo é minoritário e as opcións nacionalistas hexemónicas apenas axitan o debate sobre o estatus político da nación. Por último, hoxe todas as organizacións xuvenís nacionalistas asumen cando menos formalmente o independentismo. Isto supón, ao meu modo de entender, unha mudanza xeracional que é máis significativa aínda se temos en conta que nos últimos 40 anos se priorizou unha política de xestión e procura do “encaixe cómodo” máis que unha política de conflito político e concienciación. Falaría dun movemento minorizado mais con moito potencial imediato de crecemento.

Como mudar esta minorización? Descoñezo cal é a receita. O que si sabemos son os elementos imprescindíbeis da mesma: organización, militancia, compromiso, estratexia, intervención social sistemática e planificada, fortalecemento programado da conciencia nacional, superación do ideoloxismo infantil, etc. O esencial para avanzar xa está “inventado”. En calquera caso, a “fórmula” para superar a residualidade nunca é evitar a exposición pública do programa que se defende, nin ir ás rebaixas alegando que “o pobo non entende”.

- Camiño das catro décadas de autonomía, que lectura fai CG do 'autogoberno' ao longo de todos estes anos?

- O primeiro que se debera dicir é que nunca existiu tal. Cando unha administración carece de competencias para fixar as portaxes dunha autoestrada, establecer a cota de sardiña que se pesca no país, ordenar o mapa financeiro nacional ou regular o mercado laboral, é imposíbel falar de autogoberno. Trátase, máis ben, dun simulacro. Por outra parte, é notorio que estatus colonial e autogoberno son conceptos antitéticos. Dito isto, o balance do ciclo xúlgase por si mesmo na continuidade do espolio, a catástrofe demográfica, a situación sociolingüística, a realidade socioeconómica, a degradación ambiental, etc. Nestes 40 anos, España gaña por goleada: debilita estratexicamente as bases materiais e inmateriais do proxecto nacional e fai embarrar importantes sectores nacionalistas no imaxinario posibilista que acredita que a mera xestión do marco autonómico pode salvar este país. O avance social do independentismo aínda non é capaz de contrarrestar estas tendencias. Repetir un segundo ciclo autonómico, aplicando receitas que se evidenciaron falidas, sería suicida.

- O modelo territorial do Estado español, saído da Transición, atravesa un importante desafío impulsado polo proceso catalán. Porén, non semella que Galiza represente preocupación algunha neste sentido para o Estado. Mesmo os diferentes discursos favorábeis a unha reformulación territorial do estado falan da necesidade de 'dar cabida' ás realidades nacionais vasca e catalá. A galega xa nin sequer se contempla, non existe no debate político estatal. Nun escenario así, non é o independentismo un 'radicalismo estéril'?

- Galiza, se non é unha “preocupación” para o Estado, é porque está lonxe de ser un problema e porque carece da tensión social independentista suficiente para ser abordada como tal. Lograr isto esixiría apostas e enerxías que van moito para alén de procurar unha “voz galega en Madrid”. Nesta cuestión, hai unha disxuntiva clara entre formular un nacionalismo que se laia por humillacións e agravios comparativos e reclama “trato digno” -que presupón un Estado e unha relación de subordinación-, un “novo encaixe” en España ou a imposíbel “convivencia entre iguais”, ou un nacionalismo que trabe e teña como norte crear as condicións para soltar amarras. Acredito que na relación entre nacións, como noutros ámbitos da vida, o respecto é algo que se gaña pola vía dos feitos máis que algo que se pedicha. Galiza débese facer respectar con feitos máis que con “peticións”.

Sobre a segunda cuestión: o que é “estéril” é reincidir en apostas fracasadas como a autonomista. Se aceptásemos a tese de que é inútil apostar por formulacións minoritarias ou minorizadas nun momento dado, en 1964 non se constituiría a UPG; en 1968 non se celebraría o primeiro Día da Pátria na clandestinidade desafiando a ocupación militar e policial; a CIG, probabelmente, nen existiría, porque as fundadoras e fundadores do SOG de 1975 renunciarían á “quimera” dun sindicalismo nacionalista e aínda non existirían formulacións políticas explicitamente independentistas. O propio avance do independentismo neste país, aínda que sexa como amorfo estado de opinión, é inexplicábel sen aludir a organizacións e persoas que actuaron como independentistas en contextos ben máis difíceis que o noso. Eses momentos e esas decisións “minoritarias” fixeron que este país siga vivo, que teñamos de que enorgullecernos como pobo e que o presente sexa mellor que o que estaba programado ou era imaxinábel. O independentismo, para alén do apoio social que concite, xamais será “estéril” porque é a única opción para que este país teña futuro.

- Qué diferenzas existen entre a perspectiva do BNG e a de Causa Galiza frente á eventualidade dun proceso de reforma constitucional e a posición da Galiza nese proceso?

- Desde 2012 o BNG evolucionou, cando menos, discursivamente, cara posicións “máis soberanistas” e “máis de esquerdas” na súa práctica social. Tamén é obvio que se neste país existe algunha forza política nacional con militancia, incidencia social e territorial, capacidade de resistencia en contextos difíceis, etc., esta é o BNG. Neste punto, o independentismo podería aprender moito en determinados aspectos. Recoñecida esta realidade, tamén parece certo que a dirección do BNG, que é consciente coma nós de que neste momento non hai condicións para a ruptura co Estado español, se acolle a este feito para optar á futura reforma do marco e adiar sine die a definición e execución dunha estratexia de ruptura e creación das condicións materiais e inmateriais que a viabilicen. No fondo, nos feitos, séguese a soñar co “encaixe cómodo”, ou “máis cómodo”, encanto se fala en abstracto de soberanismo e ruptura para contentar os máis esixentes.

Hoxe, na nosa opinión, as propostas de “mellora autonómica” -o recoñecemento nominal da nación, a elevación e blindaxe do teito competencial, a nova relación fiscal co Estado, etc.- son inviábeis porque a correlación de forzas existente as imposibilita e porque a intensidade do noso conflito nacional fai innecesarias “cesións” por parte dun Estado que aposta forte na centralización como estratexia de supervivencia. Ademáis, esa política non construe músculo independentista. Parece irrisorio que a posibilidade de obter “máis autonomía” dependa, afinal, de dispor de máis tensión independentista e de desafiar politicamente a España do xeito que sexa posíbel en cada etapa. Por último, penso que falar de “mellora autonómica” nin é sinónimo de máis soberanía, nin é demostrábel que como pedagoxía de masas sexa máis efectivo que falar dun estatus político independente. Se realmente a perspetiva e a pedagoxía de fondo de certos sectores fose independentista, a reacción frente ao nenguneo do parlamento autonómico no tema da AP-9, por exemplo, sería moi distinta da que é.

Dito todo isto, que debe facer e propor o independentismo frente ao horizonte da reforma do réxime? A tarefa prioritaria, agora, é reorganizarse politicamente, dotarse de estratexia e introducir sen complexos no debate social as ideas forza da irreformabilidade do Estado español e da independencia nacional como única concreción posíbel da soberanía e única solución á desfeita social actual e futura. A nosa é unha perspectiva a medio e longo prazo que, se acertamos na práctica, se vai ver alimentada polas propias circunstancias.

- Estes últimos anos foron de importantes cambios e transformacións no campo do independentismo político, con organizacións que se disolveron, outras que naceron e outras que tiveron que reformularse. É posíbel unha organización unitaria do independentismo galego?

- Máis que da unidade orgánica, que é algo que carece de credibilidade, deberíamos falar de definición dun proxecto político e dunha estratexia independentistas con perspectiva a medio e longo prazo. Se no pasado recente pensabamos que o problema a resolver era a superación dun escenario definido por unha constelación de nanopartidos que se proclamaban independentistas e pugnaban entre si, creando un proxecto rupturista abranxente, hoxe, cando o mapa da situación é outro moi distinto, o reto é na miña opinión construir un proxecto independentista amplo, definir a súa estratexia de construción nacional e social e de conflito con España e, sobre todo, demostrar capacidade e gañar a lexitimación e o recoñecemento de centenas e millares de independentistas galegas e galegos.

- Causa Galiza volve ser unha organización legal após meses de suspensión de actividades decretada pola AN. Como afectou á organización? Como é a situación actual dos 9 independentistas que continúan encausados na 'Operación Jaro'?

- A Audiencia Nacional prorrogou recentemente 18 meses máis a investigación iniciada en outubro de 2015 e as imputacións de “pertenza” e “enaltecemento” impostas a nove militantes na operación contra Causa Galiza. Vamos por tanto camiño de tres anos neste limbo xudicial e vital, cando un proceso destas características se resolve habitualmente en moito menos tempo. Existe aparentemente vontade política por parte do Estado para prolongar a situación de interinidade, sabendo das consecuencias negativas de todo tipo que esta carrexa. Nesta dirección, e no mesmo período temporal da prórroga, o tribunal político abriu unha Operación Jaro II contra militantes que traballan na solidariedade cos presos e presas independentistas. Da nosa óptica, a finalidade é simples: seguir a satanizar socialmente a nosa posición política para mantela desorganizada e en niveis residuais, erosionar persoas e organizacións, impor un certo terror selectivo de baixa intensidade e encerrar o independentismo organizado nun bucle eterno onde protexerse dos golpes se converta na única ou principal actividade quando o noso obxectivo é facer política independentista, participar na conflitividade social, concienciar sobre a necesidade de romper con España, etc.

Como afecta todo isto a unha pequena organización como a nosa? Os danos foron significativos, afectaron sobre todo á subxectividade das persoas e acho que recoñecelo non é nengún síntoma de debilidade. Mais de todo este proceso aínda en curso eu ficaría cos aspectos positivos: fortaleceu as convicións de moitas e moitos de nós, aumentou a referencialidade pública da organización e visibilizou a inexistencia dun marco real de liberdades democráticas. Penso que a previsión feita polo Ministerio de Interior no seu día era a extinción de Causa Galiza por esgotamento e a disolución da súa militancia nun estado de opinión independentista cada vez máis amplo, mais inorgánico. As cartas aínda se están a xogar e ese horizonte non é imposíbel. No entanto, con modestia e prudencia, penso que tivemos a capacidade colectiva necesaria para resistir e logramos dar a volta ao discurso do Estado ante a prática totalidade dos colectivos e organizacións do país. Aí están as mais de 1000 pessoas mobilizadas en duas convocatorias, os 80 axentes sociais e políticos que denunciaron a montaxe policial e xudicial, ou o manifesto asinado por máis de 600 persoas. Vistas as circunstancias e os recursos cos que partíamos e o nivel de infiltración social do discurso oficial, estes resultados non me parecen en absoluto desprezábeis e o próximo Día da Patria evidenciará unha tendencia ao ascenso.

Comentarios