ATAQUE LINGÜÍSTICO

Negreira supera a Paco Vázquez e nega calquera apoio ao Correlingua

O concello da Coruña rompe a colaboración coa marcha a prol do galego, que mesmo contou antes coa axuda de cortesía do alcalde máis galegófobo.

Imaxe dunha edición do Correlingua
photo_camera Imaxe dunha edición do Correlingua

Só lle pediron a cesión dun simple palco municipal para diversas actuacións, mais o goberno municipal da Coruña levou até o extremo a posición do PP contraria ao galego e decidiu negar á organización do Correlingua o máis mínimo apoio loxístico, algo que como apunta a CIG-Ensino, non ocorría desde 1999, cando se comezou a celebrar a marcha escolar en favor do idioma propio.

Con esta simbólica medida, o actual alcalde coruñés, Carlos Negreira, suxire unha galegofobia maior mesmo ca do ex rexedor Francisco Vázquez, que durante cinco anos mantivo unha mínima colaboración de cortesía co Correlingua malia a súa coñecida e agresiva posición contraria á normalización do galego.

Na comunicación do concello aos organizadores -AS-PG, Mesa e CIG-Ensino- o o Director da Área de Educación, Deportes e Mocidade, Juan Carlos Varela Vázquez, non especifica ningunha razón para a negativa. “Como se ve, para o goberno municipal do PP é máis importante para a nosa cultura e progreso subvencionar touradas que actos lúdicos en favor da nosa lingua”, apuntan desde a CIG.

En Compostela, o concello que antes comandaba o dimitido Conde Roa, decidiuse catalogar ao Correlingua como “manifestación”, polo que semella clara a decisión do PP de boicotar este popular evento anual, que coincide co institucionalizado Día das Letras Galegas. Porén, a organización manterá o programa previsto en todo o país e tamén na Coruña para o 4 de maio, para o que xa recibiu, como todos os anos, os permisos pertinentes.

Por outra parte, tanto BNG como PSOE denunciaron no Parlamento “o incumprimento da Xunta dos compromisos alcanzados sobre o uso institucional do galego”.

Comentarios