PSOE e BNG, con "ánimo de diálogo" para negociar o próximo goberno na Coruña

Optimismo após a primeira reunión entre nacionalistas e socialistas.
Sede do Concello da Coruña, na praza de María Pita. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede do Concello da Coruña, na praza de María Pita. (Foto: Nós Diario)

O portavoz en funcións do Goberno local da Coruña, o socialista José Manuel Laxe, e mais a concelleira electa do BNG Avia Veira aseguraron esta quinta feira, sobre a primeira reunión convocada no marco das negociacións para conformar o novo Executivo local, que afrontan este proceso con "ánimo de diálogo" e coa "man tendida".

A preguntas dos xornalistas, Veira manifestou que a posición do seu partido é negociar "con todo o ánimo do mundo e a mente aberta". "Temos o mandato da sociedade de dialogar", puntualizou, á vez que engadiu que a desta quinta feira é "unha primeira reunión e non será a única".

Laxe, pola súa parte, recalcou que a negociación, no seu caso, será "coa man tendida e facendo do diálogo unha ferramenta para seguir construíndo cidade". "Coa vontade de abrir un espazo de diálogo co BNG, sabendo que hai unha maioría clara de esquerdas na cidade", subliñou o socialista, quen apelou á "tradición de encontro" entre o seu partido e os nacionalistas.

O tamén secretario de Organización do PSdeG lembrou, a este respecto, que no ámbito galego xa hai un acordo marco global "para favorecer os gobernos progresistas, que son os que van facilitar que o PSOE teña máis de 100 alcaldías na Galiza e o BNG tamén teña un número relevante".

"Somos forzas políticas diferentes, temos programas diferentes, pero podemos ter elementos en común, e o que debemos é pór por riba de todo os intereses dos coruñeses", manifestou na súa intervención.

Comentarios