PILAR CANCELA

"É necesario o diálogo co resto de forzas progresistas"

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, toma a palabra esta cuarta feira nas entrevistas do #VenhanMais5.

Pilar Cancela. Entrevista na Rúa do Pino. 5 de xuño de 2017.
photo_camera Pilar Cancela

-Como avalías o estado actual da política galega?

-Penso que a política galega está amordazada polo control e á vez o conformismo do goberno do PP e de Feijóo, que está a confundir a maioría absoluta co absolutismo, e que aguanta estoicamente os continuos golpes que Galicia recibe desde o goberno de España. Enfronte, os socialistas temos o reto de rearmar o liderado da esquerda tras unha etapa complicada, e de volver a representar desde o goberno a maioría social, que se identifica dun xeito claro coas nosas políticas. É innegable tamén que é necesario o diálogo co resto de forzas progresistas para poder desterrar de Galicia o goberno da resignación, que nos fai camiñar sempre coa lousa dunha fenda de desigualdade con respecto ao resto de España.

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

Espero que Sermos siga a ser un espazo de liberdade e de diferenciación dentro da prensa galega e nel teña cabida unha visión plural da realidade

-Agardo que, tras os procesos de renovación que temos por diante no PSdeG de inmediato a nivel autonómico, provincial e local, sexamos capaces de comezar un tempo novo e recuperar gobernos de progreso. Debemos comezar coa recuperación de alcaldías socialistas nas eleccións municipais. É desde os concellos, onde a política é máis cercana aos cidadáns, desde onde debemos comezar a remontada para darlle a Galicia unha saída xusta da crise, coa igualdade de oportunidades e a garantía de dereitos, servizos públicos e liberdades como obxectivo. Iso debe trasladarse tamén a un cambio de rumbo do noso país nas eleccións autonómicas.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Espero que siga a ser un espazo de liberdade e de diferenciación dentro da prensa galega, e que nese espazo teña cabida unha visión plural da realidade desde unha perspectiva ampla para a sociedade de progreso do noso país.

Comentarios