Narcopolítica: as amizades perigosas da dereita galega

Vicente Otero, José Ramón Barral, Pablo Vioque, Alfredo Bea Gondar ou Luís Jueguen Vilas son algúns exemplos de significados dirixentes da dereita na Galiza cunha actividade destacada no mundo do contrabando e mesmo do narcotráfico. Porén a día de hoxe son moitas as dúbidas sobre os termos dunhas conexións aínda non ben aclaradas.

EL PRESIDENTE MARIANO RAJOY CON ALBERTO NUÑEZ FEIJOO EN SOUTOMAIOR
photo_camera Louzán, Feixoo, Raxoi e Rueda, en Soutomaior, en 2011. PP

A historia da dereita e do narcotráfico van da man en moitas comarcas galegas nos últimos corenta anos. Sen ir máis lonxe, Laureano Oubiña, un dos históricos do contrabando na Galiza, sinalaba hai uns anos que tiña participado no financiamento da Unión de Centro Democrático (UCD) na etapa de Adolfo Suárez e de Alianza Popular (AP) na época de Manuel Fraga. Un mando policial destinado na comisaría de Vilagarcía na década dos oitenta, en conversa con Nós Diario, sinala que “as achegas económicas dos narcotraficantes ás forzas políticas respondían á súa vontade de influír nos Gobernos, algo normal nunha parte do empresariado e tamén á busca de protección”.

Unha imaxe icónica da proximidade entre o narcotráfico e o poder político foi a xuntanza celebrada no verán de 1984, nas proximidades de Viana do Castelo, entre o presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor e un grupo de contrabandistas fuxidos da xustiza e refuxiados en Portugal. “Non estamos diante do único encontro entre responsábeis políticos do Goberno galego e significados narcotraficantes”, sinala a Nós Diario o referido mando policial, quen afirma como “varios deles eran militantes de AP e mesmo algúns con cargos importantes nas agrupacións do partido en diversas localidades do Salnés e tamén nas corporacións municipais”.

Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta da Galiza entre 1982 e 1987, tivo que responder no Parlamento por manter varias reunións con contrabandistas fuxidos da xustiza en Viana do Castelo

Vicente Otero Terito, José Ramón Barral Nené ou Pablo Vioque eran tres bos exemplos disto. O primeiro, iniciado no contrabando nos tempos heroicos do estraperlo na década dos corenta, aproveitando os seus bos contactos con Nicolás Franco, auténtico poder real de AP en Cambados, amigo persoal de Manuel Fraga, insignia de ouro e diamantes do partido polos servizos prestados, en febreiro de 2019 aínda aparecía como un dos propietarios da sede local do PP en Cambados. O segundo, alcalde do concello de Ribadumia desde 1983 até 2001, dimitiu do seu cargo após ser detido nunha operación contra o contrabando do tabaco, atopándose actualmente inmerso nun procedemento xudicial.

Pablo Vioque, a persoa de Barreiro Rivas

O avogado estremeño Pablo Vioque foi outro dos mandatarios de AP na década dos oitenta. Residente en Vilagarcía de Arousa desde 1975, secretario da Cámara de Comercio, avogado dunha parte importante dos narcotraficantes e persoa activa no negocio, rematou condenado a 18 anos de cárcere, tras tentar introducir dúas toneladas de cocaína na Galiza. Ao tempo, desenvolveu unha intensa actividade política como fundador de AP na cidade, peso pesado do aparato galego do partido na comarca e persoa de referencia na zona de Xosé Luís Barreiro Rivas, o todopoderoso vicepresidente da Xunta e secretario xeral de Alianza Popular na Galiza.

Mariano Raxoi foi desaloxado en 1985 da dirección de Alianza Popular en Pontevedra nunha operación dirixida por Xosé Luís Barreiro Rivas, avalada por Manuel Fraga Iribarne e que contou co apoio do sector do partido máis ligado ao contrabando, aos negocios ilícitos e ao narcotráfico

Os populares do Salnés escribiron, canda Barreiro Rivas, unha das páxinas máis escuras da dereita na Galiza. A finais de 1985, Barreiro Rivas postúlase para dirixir Alianza Popular en Pontevedra, dirixida naquela altura polo presidente da Deputación Provincial Mariano Raxoi, que denuncia afiliacións masivas para mudar a correlación de forzas do partido. Segundo declara a Nós Diario un veterano militante de AP e actualmente do PP de Cambados, “dirixidos por Pablo Vioque, con fío directo con Barreiro, que era quen mandaba naquel momento na Xunta, no partido iniciamos unha campaña de afiliacións masivas en todos os concellos do Salnés, até sumarmos máis de 400 altas en menos dun mes”.

O 13 de decembro de 1985 Mariano Raxoi renunciaba a continuar como presidente de AP en Pontevedra, após unha xuntanza con Manuel Fraga en Madrid e tras garantirlle un posto nas listas ao Congreso nos comicios xerais de 1986. Xosé Luís Barreiro, co apoio da afiliación do Salnés, converteuse no máximo responsábel do partido en Pontevedra. Porén non tardou en abandonalo após perder o pulso interno con Xerardo Fernández Albor. Unha parte pequena da militancia de AP na comarca acompañou a Barreiro Rivas na súa nova aventura política, desembarcando canda el en Coalición Galega o seu fiel Pablo Vioque, morto en 2008, un ano e medio despois de ser posto en liberdade por motivos de saúde.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios