Nacionalistas e esquerda estatal dialogan sobre un proceso constituínte na Galiza

Forzas soberanistas e de esquerda mantiveron esta cuarta feira un encontro para analisar a hipótese de lanzar iniciativas políticas conxuntas que aceleren a caída do réxime político no Estado.

[Imaxe GzFoto]
photo_camera Imaxe da mobilización desta segunda feira en Vigo

Segundo informa Europa Press, esta cuarta feira representantes de BNG, Anova, EU, Compromiso por Galicia, Nós-UP, Espazo Ecosocialista e Causa Galiza mantiveron un encontro para estudaren a realización de accións conxuntas -hipoteticamente unha manifestación este domingo en Santiago- a prol de que se abra un proceso constituínte cara á República e se recoñeza o dereito das nacións a decidiren o seu futuro.

Na reunión, o BNG -representado no encontro polo seu portavoz nacional, Xavier Vence, e polo secretario de Organización, Bieito Lobeira- tería presentado ao resto de forzas políticas un documento intitulado "Galiza pola República e o dereito das nacións a decidir. Pola ruptura democrática e un proceso constituínte na Galiza".

No documento do Bloque, sostense a tese de a abdicación de Juan Carlos I ter aberto a "posibilidade de proceder a unha verdadeira ruptura democrática e a un proceso constituínte na Galiza que permita, no mínimo, camiñar cara á un Estado que baixo a forma republicana recoñeza inteiramente o seu carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico e o dereito das nacións á autodeterminación".

Non se chegou a ningún acordo concreto e esta quinta feira haberá unha nova sesión de conversas

Por Anova participou na reunión Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, en tanto que a representación de Compromiso por Galicia a asumiron Manuel González e Paulo Carlos López. Por Nós-Unidade Popular estivo Carlos Morais e por Causa Galiza, Henrique Torres e Joam Peres. O dirixente de Esquerda Unida na reunión foi Rubén Pérez, mentres que Xan Hermida representou a Espazo Ecosocialista, forza integrada en AGE.

No encontro, alén de intercambiar pontos de vista sobre a situación criada após a abdicación de Juan Carlos I e a necesidade de fortalecer o polo rupturista na Galiza, non se chegou a ningún acordo executivo. En realidade, o único acordo que se adoptou foi voltar a se reunir, esta quinta feira, para continuar a explorar o escenario de eventuais accións conxuntas.

Sobre a mesa está a hipótese de se convocar unha manifestación nacional este domingo en Santiago de Compostela, a prol dunha ruptura democrática e da abertura dun proceso constituínte que, a ollos do nacionalismo galego, debería desembocar na fundación dunha república, a república galega.

As forzas soberanistas puxeron a énfase en que Galiza debe ter a súa propria dinámica de mobilizacións e a súa propia axenda "rupturista", pondo o acento no dereito a decidir do pobo galego.

Esquerda Unida defendeu, en troca, a converxencia coas mobilizacións programadas no Estado -isto é, a axenda de Madrid- e mantivo en todo momento a aposta en que a palabra de orde dunha hipotética manifestación conxunta fose "Referendum Xa".

En síntese, as forzas soberanistas defenden como horizonte a República Galega, mentres a perspectiva de EU é ir cara á unha ruptura democrática que estabeleza a III República española.

Comentarios