Nacionalistas desvincúlanse dunha lei de Costas que "non resolve nada"

O grupo parlamentar do BNG desmarcouse do proceso de debate do anteproxecto de Lei de Costas presentado polo executivo de Mariano Rajoy. A nova lei reduce a zona de protección costeira dos 100 aos 20m e amplía a vida útil de ENCE concedendo a última palabra sobre a pasteira ao goberno español.

Esta terza feira a Cámara galega elixía @s deputad@s que reparesentarán a Galiza na tramitación parlamentar da Lei de Costas. Neste senso, o grupo nacionalista desvinculouse do acordo do que sairían @s representantes ao rexeitaren o texto normativo que alí se defenderá. A reforma prevista polo Partido Popular defende a regularización das vivendas situadas na zona de protección costeira que após a introdución dunha última emenda ficará en tan só 20 metros. Legalízanse así numerosas edificacións a pé de praia e flexibilízanse as condicións para desenvolver obras ou novas edificacións na liña costeira. 

Aliás, e como se coñeceu coa presentación do anteproxecto de lei, a norma presentada polo executivo español prevé a ampliación da vida útil de ENCE até 75 anos máis --o que a perpetuaría na ría de Pontevedra-- e outorga a última palabra a respeito do futuro da factoría ao Estado español e non, á Xunta de Galiza. 

Reforma do CERA 
@s nacionalistas tamén rexeitaron a participación no debate da reforma da LOREX mediante a que se mudará as condicións do voto emigrante. Neste senso, o portavoz parlamentar do BNG tildou de "caduca" a norma e amosou a súa preocupación pola posibilidade de que esta reforma "reabra" os criterios de votación dos residentes ausentes sen "garantías democráticas". 

Finalmente e após o acordo entre os grupos tomarán parte da delegación galega na tramitación da Lei de Costas Román Rodríguez (PP), Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG) y Antón Sánchez (AGE); e de reforma da LOREX Paula Prado (PP), Marisol Soneira (PSdeG) e Yolanda Díaz (AGE). 

Comentarios