Caxade e 'Mini' preparan a 'banda sonora' do 25X

"A nación que compartimos", o lema do BNG para o Día da Patria

A campaña do BNG para o 25X vai levar como título xenérico o de "Galiza, a nación que compartimos". O Bloque propón desde o nacionalismo "un novo proxecto inclusivo" e para "as grandes maiorías", para "os que son nacionalistas e para os que non o son", afirmou o responsábel de Comunicación, Xavier Campos.

CAMPOS E CAMBA PRESENTACION 25X 1
photo_camera Campos e Camba suxeitan o cartaz do Bloque para o 25X

A campaña do Día da Patria Galega acostuma ser sempre un tour de force da contrastada capacidade de mobilización da base social do BNG e este 2017 non vai ser menos. A dirección do Bloque prepara este curso a grande cita do 25X con especial esmero, empurrados polo bon momento que vive a formación nacionalista após o estimulante resultado das galegas de 2016, o combate eleitoral en que as candidaturas lideradas por Ana Pontón derrotaron con clareza os prognósticos dos inquéritos.


Vai ser, alén do máis, o primeiro Día da Patria após a asemblea de refundación-relanzamento da organización, con todos os símbolos do Bloque -a comezar polo seu remozado logo- a alicerzaren a idea de que estamos perante un novo BNG, capaz de sintonizar coas arelas dunha sociedade que nos últimos lustros experimentou unha profunda mudanza.

Ese novo BNG propón un Día da Patria Galega "inclusivo" e aberto a todas as persoas e colectivos que non se conforman co actual statu quo do país. "Cremos que é o momento desde o nacionalismo de propoñer un novo proxecto de país inclusivo e beneficioso para as grandes maiorías, para os que son nacionalistas e para os que non, para o conxunto da sociedade", afirmou o responsábel de Comunicación da Executiva do Bloque, Xavier Campos esta quinta feira, no curso da conferencia de imprensa da apresentación da campaña do Día da Patria.

cartaz dia da patriaCampos -que compareceu perante a imprensa na Nave de Vidán na compaña de Susana Camba, coordenadora de Movementos Sociais da Executiva- proclamou que o 25X é "a festa de todas as galegas e galegos nesta nación que compartimos", mais a seguir esclareceu que para o BNG o Día da Patria Galega ten un componente inequivocamente político, de reivindicación dos direitos nacionais do país e de defensa dos seus intereses materiais. E nese sentido, fixo un apelo a tornar o 25X "nunha grande mobilización social que una as galegas e os galegos en contra da discriminación e do agravio que padece o país" polas políticas estatais (orzamentos insuficientes para Galiza, negativa á transferencia da AP9, bloqueo á comisión de investigación do Alvia...).

Mobilización nacional e social

Unha mobilización con inequívocos tintes nacionais, mais tamén sociais. "O 25X queremos dar voz a todas as loitas sociais que se están a dar neste momento porque estamos nun ponto de inflexión na loita polos nosos dereitos como traballadoras e traballadores", dixo Susana Camba.

Festa e mobilización igual a música. Quen a vai pór, para comezar, son Alonso Caxade e Xosé Luís Rivas 'Mini' que unirán os seus talentos para lanzar nos próximos días un vídeo cun tema musical alusivo ao 25X, á canción do Día da Patria2017. Sen facer spoiler, Campos e Camba si que informaron de que a cantiga leva por título Estamos Todas canda a ti. A idea do BNG é que con ela comece unha nova tradición, a de cada ano pórlle música ao 25X.

Comentarios