Nace a lei de museos entre críticas por carecer de contido

Aprobada só cos votos do PP a primeira Lei de Museos da Galiza, que a oposición ve "baleira de contido".
A deputada Mercedes Queixas no pleno do Parlamento (Foto: Arxina)
photo_camera A deputada Mercedes Queixas no pleno do Parlamento (Foto: Arxina)

Galiza conta desde esta terza feira, 9 de febreiro, coa súa primeira Lei de museos e outros centros museísticos, un texto que tivo o rexeitamento da oposición no Parlamento galego ao consideralo "insuficiente" e "baleiro de contido". Tanto o BNG como o PSdeG cargaron contra a decisión do PP de non incorporar a maior parte das súas emendas e afearon que a norma naza "baleira de contido".

Para o deputado José Luis Ferro (PP), a lei servirá para regular "de maneira específica" 94 museos galegos, así como outras institucións museísticas. O texto, dixo o popular, dará a estes centros "máis rigor" e máis "seguridade xurídica", ao definir cada unha das tipoloxías que integran o concepto xenérico de centro museístico e dentro das cales se engadirá unha nova categoría: centros de interpretación do patrimonio cultural.

Ademais, estabelecerase o sistema galego de centros museísticos, co fin de mellorar a organización e coordinación das institucións que o integren e crearase o consello de centros museísticos da Galiza, cuxa conformación foi cuestionada de novo pola oposición, entre outros motivos, por non incluír o Consello da Cultura Galega no seu seo. A deputada Mercedes Queixas (BNG) lamentou que o texto careza de "ambición e proxección de futuro" e de "capacidade de anticipación", converténdose nunha "casca baleira" que "dista moito das potencialidades do patrimonio museístico" galego.

En particular,  Queixas referiuse a un "déficit de base" como é a ausencia "das novas correntes de pensamento en museoloxía", que "condena á prehistoria museística este texto xa antes de nacer".

Entre as emendas rexeitadas, a nacionalista mencionou a "exclusión do patrimonio material e da memoria histórica", a "ausencia de detalle nas competencias" destes centros e a "renuncia para regular aqueles museos ou coleccións que son titularidade da Igrexa ou do Exército".

A deputada socialista Noa Díaz lamentou que a nova norma "non regule con precisión os obxectivos nin misión" destes centros e que "obvie que os museos son institucións dedicadas á salvagarda da memoria cultural, non meros contedores". 

Para a parlamentaria do PSOE a lei amosa "poucas ganas de entender a evolución no tempo e na forma que ten a sociedade de consumir cultura" e ve a concepción da actividade museística desta lei "caduca".

Comentarios