Na recollida de avais, Sánchez supera Díaz na Galiza e fica moi perto dela no conxunto do Estado

Por volta de 70 por cento da militancia do PSOE avalou algún dos tres candidatos en liza nas primarias. Díaz cumpriu os prognósticos -ten ao seu dispor o aparato federal e a práctica totalidade dos territoriais, coa notábel excepción do PSC- e bateu todos os récords, ao superar os 62 mil avais. Mais a surpresa, relativa, deuna Pedro Sánchez, que ficou apenas a 5 mil da política andaluza. Na Galiza, o vencedor foi o ex secretario xeral.

Pedro Sánchez. Mitin en Pontevedra. Eleccións xerais 2016.
photo_camera Pedro Sánchez, nun mitin en Pontevedra durante as xerais de 2016

Os dados son aínda preliminares e están pendentes de seren verificados durante toda esta xornada en Ferraz. Unha equipa de 55 persoas testará -primeiro manualmente, logo con meios electrónicos- que non existan avais duplicados e que as persoas avalistas figuran no censo de militantes.

En concreto, o número de avais recollido polas tres persoas que aspiran á secretaría xeral do PSOE é o seguinte:

  • Galiza

Pedro Sánchez. 3.600

Susana Díaz. 2.850

Patxi López. 775

  • Conxunto do Estado

Susana Díaz. 62.582.

Pedro Sánchez. 57.369.

Patxi López. 12.000

 

Á luz destes resultados, a impresión xeral é que o vencedor moral deste primeiro trámite das primarias é Pedro Sánchez. E iso por dúas razóns. Primeiro, porque supera con moito o número de avais que obtivo en 2013, cando curiosamente era o candidato indixitado polo aparato e por Susana Díaz para derrotar Madina, daquela obtivo pouco máis de 41 mil; e segundo, porque consegue unha cifra moi próxima á de Díaz tendo na súa contra a práctica totalidade dos referentes orgánicos e institucionais do PSOE, coa única -e notábel- excepción do PSC.

Na Galiza, Sánchez bate Susana Díaz, mesmo na provincia de Pontevedra, o cal mostra que a maioría do partido non está con Abel Caballero e Carmela Díaz, senón con referentes como Pilar Cancela ou Rocío Frutos.

A reacción do sector susanista ao se faceren públicos estes resultados oscilou entre unha medida euforia -o número de avais obtido pola líder andaluza ultrapasa todas as expectativas previas- e certa apresión perante o bon score de Sánchez, tanta que portavoces próximos á líder andaluza deixaron entrever sospeitas sobre a validez de moitos dos avais achegados polo ex secretario xeral.

Segundo puido saber Sermos, persoas próximas a Sánchez na Galiza interpretan estes resultados como un preludio do triunfo nas primarias. "Pedro consegue 5 mil avais menos que Susana sen o apoio do aparato. E xa sabemos que o aparato impón moito respeito. Os 57 mil de Pedro son o seu chan. Os 62 mil de Susana, o seu teito", afirman.

Poderían acabar desnivelando a balanza os 12 mil de Patxi López. "Se Patxi é coherente co que dixo -afirmou no seu día que contribuiría ao retorno de Pedro e acaba de recoñecer que foi un erro absternos na investidura de Rajoy-, o coherente é que nos acabe apoiando no que fica de campaña", acrecentan as fontes sanchistas consultadas por Sermos.

 

Comentarios