Muñoz imponse a Guerra na pugna de ex-conselleiros por liderar o PP de Vigo

Feijóo chama a fechar filas entre os dous sectores para centrarse en conquistar o concello nas municipais de 2019. A candidatura de Muñoz obtivo 419 votos e a de Javier Guerra, 320. O PP vigués ten máis de 5.000 afiliados.

Muñoz PP Vigo
photo_camera Intervención de Elena Muñoz no congreso do PP vigués. Imaxe: PP de Vigo

A ex-conselleira Elena Muñoz impúxose ao ex-conselleiro Javier Guerra na loita por controlar e dominar o PP de Vigo. A candidatura da que fora titular de Facenda na Xunta logrou 419 votos polos 320 que obtivo o ex-responsábel da Consellería de Industria. Un 56% fronte a un 42% e a case 750 votantes nun censo duns 5.000 afiliados. Nestas eleccións só tiñan dereito a votar algo máis de mil persoas, as que tiñan pagas as cotas. Non faltaron neste congreso do PP vigués acusacións entre os dous bandos de pagar cotas a afiliados para que estes poideran votar, acusacións a sumar ás que se realizaron durante a campaña.

O triunfo de Muñoz é un triunfo de Feijóo, pois a aposta que lideraba Javier Guerra eras crítica e apostaba en maior autonomía a respecto do PP de Galiza. A fenda aberta no partido co desembarco de Muñoz ficou fechada neste congreso? A resposta verase co tempo. O que si houbo nesta cita do PP na cidade olívica foi un reiterado chamamento a fechar filas e centrarse na conquista do concello nos comicios de dentro de dous anos e medio.

Esa invocación fíxoa desde Feijóo até Ana Pastor, tamén presente na clausura do congreso. Nas municipais de 2015 Abel Caballero logrou a maioría absoluta (17 concelleiros de 27), por 7 do PP. Os populares tiveron menos dun 21% dos votos, unha das súas peores porcentaxes no noso país. Algo que lembrou no congreso Javier Guerra, cando sinalaba que o reto é recuperar os votantes tradicionais do PP que optaron por votar Caballero.


 

Comentarios