Horas despois de que a Policía entrase en RTVV para poñer fin á emisión, o Consello de ministros do Reino de España aprobou o anteproxecto da reforma da lei de Seguridade Cidadá, xa coñecida popularmente como 'Lei da patada na boca' (rememorando a Lei da patada na porta do ministro socialista Corcuera a principios dos 90).
En virtude desta lei, que aínda ten que pasar a trámite parlamentar, o goberno opta por tirar a luva de seda e ficar só puño de ferro á hora de afrontar os protestos e mobilizacións cidadáns, precisamente (e non por casualidade) nun período de crise e de recortes sociais e democráticos.
Os convocantes dunha manifestación na que se produza algún feito violento poden ser multados até con 30.000 euros
O propio ministro de Interior compareceu ante os medios para informar do contido do anteproxecto. Nel estabelécese que as ofensas a España (a comunidades, concellos), aos seus símbolos, bandeira, institucións serán consideradas faltas graves e castigadas con multas entre os 1.001 e 30.000 euros. E que é 'ofender' a España? O ministro enrocouse e dixo: 'ofender'.
Vixiar e punir, punir, punir
Xa que logo, levar faixas que 'ofendan' a España ou corear consingas 'ofensivas' a España levará aparellado multas económicas moi fortes.
Unha mobilización como a desta semana do naval en Compostela implicaría miles de euros de multas
Se ben no consello de ministros rebaixouse a cuantía inicial que se prevía para certas situacións, mantén as mesmas como merecedoras de multas. Un exemplo: insultar un axente das forzas de seguridade (e quen decide que é un insulto?) serán 1.000 euros de multa. Outro exemplo? Concentracións non autorizadas ante o Congreso, un Parlamento, institucións, 30.000 euros de multa.
Rancor polas esquinas
Foi Aznar quen cargou contra os manifestantes de Nunca Máis e Non á Guerra dicindo que ladraban o seu rancor polas esquinas. Semella a base ideolóxica que sostén este anteproxecto do goberno Rajoy. Serán multadas, e non con poucos cartos, accións como escalar un edificio como acto de protesta (algo que, por exemplo, ten feito Greenpeace en múltiples ocasións para despregar unha faixa).
Obstruír á autoridade en, por exemplo, despexos, poderá implicar sancións de até 30.000 euros
Tamén cortar unha rúa ou vía con neumáticos (coma o naval de Ferrol estes días) implicará fortes sancións económicas.
“Lei innecesaria e represora”
A oposición criticou duramente o anteproxecto, sobre todo a esquerda soberanista (BNG, Amaiur) e Izquierda Plural, mais tamén o PSOE.
A deputada do BNG, Rosana Pérez, realizou unha primeira avaliación do anteproxecto de Lei para a Protección da Seguranza Cidadá, á espera de coñecer pormenorizadamente o seu contido, sinalando que “esta lei sobra, non é unha lei necesaria e só resposta ás ansias do PP por censurar e acalar calquera manifestación de crítica social”.
(No Sermos Galiza nº75 Beti Vázquez debulla a fondo o anteproxecto de reforma da lei na reportaxe 'Da patada na porta á patada na boca')