Acto "Con nosoutras hai Marea"

"As mulleres temos que formar como será o noso país"

En Marea apresentou esta mañá un acto de campaña a prol do feminismo na Praza do Toural de Compostela no que estiveron presentes mulleres con diferentes cargos da coligazón, para reivindicar unha sociedade feminista e igualitaria. Vídeo no interior

A praza do Toural acolleu esta mañá un acto no que Yolanda Díaz, Eva Solla, Ángela Rodríguez “Pam”, Ledicia Piñeiro, Vanessa Angustia e Marga López reivindicaron a figura da muller na política e en todos os ámbitos da vida laboral. Baixo o lema “Con nosoutras hai Marea” as líderes políticas dos diversos partidos que forman En Marea expuxeron as súas propostas en materia de igualdade ao tempo que fixeron unha exposición completa dos problemas que teñen que afrontar as mulleres en discriminación cos homes.

En primeiro lugar tomou a palabra Ledicia Piñeiro de Ourense en Común para poñer de manifesto a necesidade de: “Cambiar os liderados da sociedade”, para que o feminismo poida estar presente na política. Ledicia apuntou que “é preciso eliminar a figura do home que toma decisións e asume a responsabilidade”, argumentando que ningunha persoa é libre de cometer erros e que ese liderado debe ser cooperativo.

Pola súa parte Eva Solla afirmou que este foi "o mellor acto de toda a campaña, un acto que é netamente imprescindíbel”. A voceira de Sanidade e Políticas Sociais de AGE no Parlamento de Galiza, criticou o machismo presente nas institucións e arremeteu contra Feijóo por non condenar a violencia machista: “Temos un  presidente que se nega a comparecer para explicar por que segue a dar apoio a Baltar, imputado por delitos sexuais”.

Eva Solla: “Temos un  presidente que se nega a comparecer para explicar por que segue a dar apoio a Baltar, imputado por delitos sexuais”

Yolanda Díaz, deputada de En Marea e coordinadora de Esquerda Unida, dixo que "a metade da poboación somos nós, as mulleres, e esta metade ten que formar como será o noso país, Galiza”. Iolanda puxo o foco no carácter machista dalgunhas leis que semellan neutras e que se aprobaron durante a estadía do PP no poder central: “Normas como a Lei Wert semellan neutrais, mais lexislan contra nós cun carácter marcadamente sexista que financia centros que segregan por sexos e permite formar unha sociedade non igualitaria”, afirmou Díaz.

Yolanda Díaz: "Normas como a Lei Wert semellan neutrais, mais lexislan contra nós"

Vanessa Angustia, Ángela Rodríguez e Marga López valoraron o traballo das organizacións feministas que permiten traballar despois ás institucións e lembraron a discriminación histórica ao colectivo transexual e LGTBI, reivindicando igualdade dende o asimilamento de que non somos iguais ao 100%.

O acto puxo punto final coa lectura dun manifesto feminista por parte de mulleres que fan parte de En Marea.

Comentarios