As mulleres maltratadas seguirán sen acceso ao salario da liberdade durante 5 meses

O PP rexeitou modificar a lei para garantir o acceso a esta axuda durante todo o ano e sen interrupcións, como demandaba o BNG.

A iniciativa lexislativa presentada polo BNG esta terza feira (24 de febreiro) tiña por obxecto o desenvolvemento dunha lei parella á aprobada en 2007 mediante a que se modifican os criterios do coñecido como 'salario da liberdade'. No concreto, a iniciativa visa definir esta prestación como "directa" fronte á configuración actual que deixa na vontade do goberno a súa convocatoria e dotación. 

Así mesmo, equipararía esta axuda con outras como a Risga permitindo que poida ser solicitada durante todo o ano e sen interrupcións. Actualmente o período de convocatoria comprende os meses de marzo a outubro sendo imposíbel, na práctica, solicitar o 'salario da liberdade' durante o resto do ano. 

Así o denunciou a voceira de Igualdade do BNG na súa intervención recollendo as críticas expostas polos colectivos e asociacións que traballan con mulleres en situación de violencia en comisión parlamentar. Adán subliñou o carácter "pioneiro" de Galiza na altura de 2007 cando se puxo en andamento esta medida, unha iniciativa que "foi boa idea" mais "non perfecta" polo que solicitou a súa modificación en aras de garantir o acceso a ela de todas as mulleres, sen interrupcións. 

Actualmente o período de convocatoria comprende os meses de marzo a outubro sendo imposíbel, na práctica, solicitar o 'salario da liberdade' durante o resto do ano

Porén, embora contar co apoio das forzas da oposición, o Partido Popular votou en contra botando embaixo a proposta argüíndo que leva "9 anos" funcionando nas condicións actuais e aducindo argumentos burocráticos para considerar pouco acaída a proposición lexislativa achegada polo grupo parlamentar do BNG. 

Coa irrupción do presidente da Xunta no salón de plenos --con motivo da votación-- Adán afanouse en tentar facer mudar de opinión as bancadas populares. "Decátanse de que votan en contra de acceder ao salario da liberdade durante todo o ano?", preguntou. "Se existen axudas como a Risga todo o ano por que esta non?". 

Rosa Oubiña negou, aliás, durante a súa intervención as "dificultadas" no acceso a esta axuda que foron denunciadas polas forzas da oposición. Nomeadamente, explicou Carmen Acuña polo PSOE, ao se lles descontaren os meses en que perciben a RAE --por volta de 400 euros-- durante o proceso de tramitación do 'salario da liberdade' (por volta dos 600). "O goberno aforra 200 euros por mes", criticou. 

Comentarios