Mulleres independentes, no primeiro tramo da lista do BNG-Asembleas Abertas en Ferrol

Eva Espiñeira e María Pilar Pazos son as dúas mulleres independentes, non militantes do BNG, que integran o primeiro tramo da candidatura Bloque-Asembleas Abertas encabezada por Iván Rivas para Ferrol. 

Candidatura de Ferrol
photo_camera Candidatura de Ferrol

Despois dun proceso de participación social, tres mulleres independentes integran o primeiro tramo da candidatura do BNG-Asembleas Abertas para Ferrol, unha lista que encabeza Iván Rivas seguido de Eva Espiñeira González, Xulio Rodríguez Díaz, María Pilar Pazos Casal e Bárbara Lamas Rei. 

O voceiro nacional do BNG presentou esta quinta feira o primeiro tramo da candidatura de Ferrol como unha aposta “nova e ilusionada” para unha cidade que padece unha situación crítica “por anos de maltrato das políticas do Goberno central”. 

"Supón, segundo Vence, unha “gran renovación” contra as “políticas regresivas e neoliberais do PP”. 

“Abrimos á cidadanía a través das asembleas abertas", dixo Vence, o que conduciu á presentación agora dun primeiro tramo da candidatura con "persoas que proceden da base social nacionalista e de esquerdas, que non teñen carné do BNG pero que ven nesta forza política a alternativa para empezar a transformar este país desde os concellos”. Supón, segundo destacou, unha “gran renovación” contra as “políticas regresivas e neoliberais do PP”. 

Claves para o nacionalismo

Xavier Vence incidiu na confianza de que as eleccións municipais do vindeiro maio sexan clave para o nacionalismo, “porque se necesita como auga de maio para sacar adiante unha cidade desmantelada polo maltrato das políticas do PP”. 

O xa candidato á alcaldía de Ferrol, Iván Rivas, destacou a necesidade dun cambio de rumbo para recuperar o futuro dunha cidade en crise na que se desmantelou o seu principal sector produtivo. Defendeu así a urxencia de “recuperar a autoestima da cidade” e defender os intereses propios “sen directrices de organizacións políticas dirixidas desde Madrid”. Entre as liñas de actuación que formarán parte do seu programa de goberno destacou un transporte público adaptado ás necesidades da cidadanía, mudar o sistema de xestión de residuos ou a recuperación do patrimonio da cidade. 

A candidata independente Eva Espiñeira definiu o proceso aberto e colectivo de asembleas abertas como “unha forma diferente de participación política na que todos e todas podemos colaborar e facer as propostas sobre o modelo de cidade que queremos”.  Espiñeira afirmou tamén que o primeiro tramo da candidatura presentada reflicte “a sociedade ferrolá e a pluralidade que persegue o Bloque”. O número dous, Xulio Rodríguez, afondou tamén noutras liñas de traballo da candidatura dirixidas aos barrios, á defensa do comercio local ou a loita contra a emigración. 

Fe de Grallas: Na versión orixinal desta información afirmabamos que Bárbara Lamas integraba a candidatura como independente, cando en realidade Lamas si é militante do BNG, en concreto de Galiza Nova.

Comentarios