Crise de Goberno

De "cambio de cromos" a "recambio sen proxecto de país": as mudanzas de Feixoo na Xunta non convencen a oposición

En Marea, PSdeG e BNG consideran a reestruturación do executivo anunciada esta cuarta feira polo presidente un simple 'recambio' por intereses electorais. 

Bancadas da oposición no Parlamento galego. Debate ILP Mesa pola Normalización Lingüística sobre o avanzo do galego no ámbito socio-económico.
photo_camera As bancadas da oposición no hemiciclo galego

A reestruturación de goberno anunciada por Feixoo esta cuarta feira non xera na oposición parlamentar sorpresa e apenas suscita interese ou curiosidade. En Marea, PSdeG e BNG coinciden en qua a crise de goberno víase vir – era un secreto a voces que os até agora conselleiros José Manuel Rey e Bea Mato ían deixar o posto para candidatarse nas municipais- e en que o que vén de anunciar o presidente galego pode cualificarse como un “cambio de comos”.

Luis Villares, En Marea, considera que esta remodelación de goberno chega “tarde e mal”, ao tempo que criticou o “uso sectario” que até o de agora fixeron Rey e Mato fixeron destes departamentos. Para Villares, aliás, os cambios en Medio Rural ou a separación de Educación e Cultura supón un recoñecemento implícito do”fracaso” dos responsábeis destes departamentos.

A maiores, En Marea lamenta que esta remodelación non fose empregada por Feixoo para tomar unha decisión que consideran imprescindíbel: cesar o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña.

Feixoo “non rectifica os seus erros”, afirma Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, que afirma que estas mudanzas responden a “intereses electorais”. Son, logo, un “cambio de cromos” que non atende nin dá resposta aos problemas da “Galiza real”.

Ana Pontón, BNG, o anuncio desta cuarta feira demostra que na Xunta “non hai cambio de goberno, hai recambio. Este recambio deixa claro que o Consello da Xunta é unha prolongación do gabinete electoral do PP que usa as institucións partidistamente”. A portavoz nacionalista considera que Feixoo “ten un problema que non se soluciona cun sudoku de conselleiros: temos un presidente sen proxecto de país, aburrido de Galiza”.

Comentarios