O Movemento Arredista organiza este sábado en Compostela un encontro aberto sobre política municipal

Participarán representantes de formacións políticas como BNG, CUP ou EH Bildu, alén de colectivos sociais como a Fundaçom Artábria, Adega ou as escolas Semente. Tamén acudirá, por vía telemática, o alcalde da cidade italiana de Riace, Mimmo Lucano, xulgado por acoller persoas refuxiadas nas vivendas baleiras da vila que goberna.
Participación do Movemento Arredista na manifestación polo Día da Patria, en Compostela, o 25 de xullo de 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Participación do Movemento Arredista na manifestación polo Día da Patria, en Compostela, o 25 de xullo de 2021 (Foto: Nós Diario).

Este sábado, 19 de febreiro, o Movemento Arredista organiza un encontro aberto en Compostela (centro cívico das Fontiñas, 10.30 horas) para debater sobre "políticas locais e transformación social". O obxectivo desta xornada, apunta a organización, é abordar "cuestións como a participación social dende os concellos, a recuperación de servizos a mans públicas, a construción nacional dende o local e a necesidade de erguer e soster iniciativas sociais que desborden os marcos do sistema".

Este evento contará coa presenza de representantes de formacións políticas como BNG, EH Bildu, Sortu, Poble Lliure e CUP, así como diferentes colectivos sociais da Galiza como Adega, Fundaçom Artábria, Asociación Xermolos ou a rede de escolas de ensino en galego Semente. Tamén acudirá Gian Michele Bosco, avogado do alcalde de Riace (Italia), Mimmo Lucano, que estará presente por vía telemática. Lucano foi xulgado no seu país por acoller persoas refuxiadas nas vivendas baleiras da vila que goberna.

"É unha oportunidade para coñecer e achegarse a experiencias dende diferentes realidades sociais e políticas que teñen como eixo principal a construción nacional e a transformación social. Iniciativas sociais e institucionais que abren camiños e reforzan o combate a un capitalismo que toma a nivel local formas como as privatizacións de servizos e, no caso da Galiza, dun réxime do 78 cunha crecente pulsión recentralizadora que impón unha lexislación limitadora das posicións políticas que aspiran a mudar a realidade", salientan as arredistas a través dun comunicado.

Palestras

O encontro contará con catro mesas de debate que abordarán diferentes temáticas. Así, a primeira (10.30h - 12h) versará sobre "Modelos de participación social desde os concellos". Estará moderada por Silvia Pardo Galdo (Movemento Arredista) e participarán Secundino García Casal —alcalde de San Sadurniño (BNG)—, Silvia Marañón Chasco —alcaldesa de Etxarri Aranatz, en Nafarroa (Sortu e EH Bildu)—, Arnau Comas i Miñarro (Poble Lliure) e Anchel Reyes Garrieta (sociólogo aragonés do colectivo Empenta Artieda).

A segunda quenda permitirá falar sobre "Recuperar os servizos a mans públicas", nun debate moderado por Lucía Freire Ces (Movemento Arredista, CIG e BNG) e no que intervirán María Lago Lestón (BNG), Diego Lourenzo Moura (BNG), Pilar Castillejo i Medina (Poble Lliure), Xabier Lertxundi (Sortu e EH Bildu) e Víctor Iguácel Ara (Ixambre Sociedade Cooperativa, en Aragón).

En terceiro termo abordarase a "Construción nacional desde o municipal", unha mesa que moderará a deputada do BNG Noa Presas e na que terán voz Xosé Emilio Vicente Caneda (Movemento Arredista, BNG e CIG-Ensino), Guillem Fuster i Usas (Poble Lliure e membro do Goberno do Consell per la República no exilio) e Xabier Lertxundi (Sortu e EH Bildu).

Finalmente, contra as 19.15 e até as 21 horas decorrerá o relatorio "O local como ámbito de conflito. Desbordar os marcos institucionais", moderado por Ximena González Ataide (Movemento Arredista e BNG) e contará coa presenza de Marta Santos (Escolas Semente), Roi Cuba Dorado (Adega), Bruno Lopes Teixeiro (Fundaçom Artábria), Alfonso Blanco Torrado (Xermolos) e Gian Michele Bosco (avogado de Mimmo Lucano).

Comentarios