Mosquera non concorrerá a unhas novas primarias e ve ‘tocado’ Ourense en Común

Electo no proceso anulado en asemblea di que reflexionará con calma se segue no proxecto. “Se non se respetan os resultados, non se respeta a democracia”, afirma.

Mosquera
photo_camera Xosé Mosquera

Xosé Mosquera (Compromiso por Galicia) resultou electo como candidato á Alcaldía de Ourense nas primarias de Ourense en Común, un proceso no que votaron máis de 1.500 persoas. Unhas primarias que veñen de ser anuladas en asemblea, citándose esta plataforma cidadá para esta sexta feira e decidir se as repite ou se opta por outras fórmulas, como unha candidatura de consenso. Mosquera xa adianta que “non vou concorrer a outro proceso de primarias”. Ademais, entende que ir a unha candidatura de consenso “non sería diferente” do que se fai noutros partidos tradicionais “e acabaría co elemento fundamental deste proxecto, a participación directa da cidadanía”.

Considera que a decisión de anular o resultado das primarias deixa “tocado” Ourense en Común. “Este proceso xa non é ilusionante, esa decisión deixa dúbidas, e aí está a decepción de moita xente que tomou parte nas primarias”.

Mosquera lamenta que “non se aceptasen os resultados, porque iso é non respectar a democracia”. Afirma non querer entrar en sinalar culpabilidades nin responsabilidades da crise que vive a formación, mais defende as primarias de mediados de marzo “como un proceso participativo e democrático” e insiste en que non había motivos para anulalas. É máis, Xosé Mosquera aponta que foron unha primarias “abertas, nas que se decidiu todo, até o cabeza de lista”, algo que non se deu, afirma, “noutros procesos” impulsados por plataformas cidadás noutras cidades galegas e onde o candidato sometíase a ratificación. “Por iso en Ourense votou tanta xente, porque os que votaban ían poder elixilo todo, até quen ía ser o candidato”.

Carretaxe

Preguntado polas acusacións de ‘carretaxe’, responde con que el só recibiu 435 votos dos máis de 1.500 que se depositaron. E que non se poden realizar afirmacións que deixen pensar que eses 400 votos foron ‘carrexados’ e que os outros si que son verdadeiramente democráticos.

Sobre as declaracións do alcalde de A Peroxa (PP), recoñecendo que votou en Ourense en Común, Mosquera insiste en que o feito de que nas primarias “participe unha persoa así a min non me interesa, mais foron outros os que decidiron que nas primarias puidese votar xente que non fose de Ourense”.

Meditar

Sobre o seu futuro en Ourense en Común, este militante de Compromiso por Galicia asegura que non quere tomar unha decisión en quente e que prefire reflexionar con calma. Mais recoñece que “persoalmente, a miña ilusión polo proxecto quedou fagotizada”.

Comentarios