xoves 21/10/21

César Mosquera: "Se Ence é tal bicoca, que o PP ofreza os seus concellos"

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra defendeu no Pleno desta sexta feira o traslado da pasteira.
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, onte, no Pleno (Foto: Nós Diario).
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, nesta sexta feira, no Pleno (Foto: Nós Diario).

"Se Ence é tal bicoca, que o PP ofreza os seus concellos para recolocala". Así de contundente se mostrou nesta sexta feira o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, nun pleno que presidiu debido á ausencia de Carmela Silva.

A sesión estivo marcada por un intenso debate sobre o futuro da pasteira en Lourizán no que Mosquera emprazou a bancada popular a "condenar a 'Enceborroka'", nunha clara referencia ao acoso que sufriron recentemente membros do Goberno local de Pontevedra por parte dun grupo de traballadores de Ence.

No tocante ao traslado da factoría, que a empresa rexeita por motivos económicos, o vicepresidente considerou factíbel a operación: "Outra cousa é que lle saia máis ou menos caro e que lle conveña, porque onde vai atopar un dominio marítimo terrestre, auga gratis ou que non se lle cobre o canon de saneamento? Pon unhas condicións que non teñen a maioría das pasteiras do mundo", argumentou.

Así mesmo, criticou que o PP dea voz ao "aparello propagandístico de Ence co discurso dos postos de traballo", xa que entre 2009 e 2012, "no medio dunha forte crise económica", as e os populares "defendían que tiña que marchar da ría".

Pola súa banda, o portavoz do PSOE, Carlos Font, acusou o PP de "utilizar" as traballadoras e traballadores do sector para xustificar a permanencia da fábrica. "O único que fan é ruído e botar leña ao lume", lamentou.

Concentración de CCOO ante a sede da Deputación

A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) en Ence convocou ás portas do edificio da Deputación, mentres no seu interior decorría a sesión plenaria, un grupo de traballadores da pasteira, das súas empresas auxiliares e do sector forestal, para amosar a súa "preocupación" polos "5.000 postos de traballo que aínda están en xogo".

"A posición do colectivo de traballadoras afectadas é clara: Ence en Lourizán até 2073", expresou o secretario de organización comarcal de CCOO, José Luis García Pedrosa. O sindicalista cargou tamén contra o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores: "Que pretenda excluírnos da mesa de diálogo é unha mostra máis do seu desprezo", afirmou.

comentarios