Morre o ex conselleiro vasco e ex líder do PSE-EE Rodolfo Ares, natural de Riós

Foi unha das figuras chave nas conversas de paz de Loyola.
O socialista Rodolfo Ares. (Foto: Europa Press)
photo_camera O socialista Rodolfo Ares. (Foto: Europa Press)

O ex conselleiro de Interior do Goberno Vasco e ex dirixente do PSE-EE Rodolfo Ares faleceu nas últimas horas aos 68 anos de idade, segundo vén de confirmar a formación socialista a través das súas redes sociais.

O PSE-EE expresou, nunha breve mensaxe, a súa "inmensa dor" polo pasamento de Ares e trasladou "unha aperta moi forte" á súa familia. Rodolfo Ares naceu en 1954 no municipio de Riós (comarca de Verín), malia que se trasladou de cativo coa súa familia a Bilbao.

Ares, lembra o xornal vasco Berria, foi unha das figuras chave do sector socialista nas negociacións de Loyola pola paz canda Jesús Egiguren. Porén, en Euskadi lémbrano polo seu "duro" papel no marco do conflito vasco. Durante o seu mandato en Interior, en concreto en 2012, un axente da Ertzaintza matou cunha pelota de goma ao seareiro do Athletic Club Íñigo Cabacas nunha carga posterior a un partido.

As múltiples protestas relacionadas co comportamento das autoridades policiais marcaron os tres anos nos que Ares ficou no cargo, se ben mantivo que as críticas buscaban "empanar" a imaxe da Policía e que procedían "da esquerda abertzale".

Sánchez: "Foi un servidor público"

O presidente do Goberno español e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, lamentou o falecemento do "histórico do socialismo vasco" Rodolfo Ares, de quen destacou que foi "un servidor público que traballou con valentía polo fin de ETA e en favor da paz, a liberdade e a convivencia".

Sánchez trasladou "unha forte aperta" á familia e achegados de Rodolfo Ares. Aliás, afirmou que é "un día triste para todos os compañeiros e compañeiras do PSOE".

Comentarios