Feixoo anuncia unha moratoria ao eucalipto cando desbotou recollela no Plan forestal

A Xunta da Galiza procederá "en próximas datas" á suspensión temporal da plantación de eucalipto nas superficies en que non se plantou até o momento.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello da Xunta (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello da Xunta (Foto: Arxina)

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta quinta feira, 25 de febreiro, após a reunión do Consello da Xunta, unha moratoria pola que se permitirán unicamente replantacións con eucalipto en territorios onde xa estaba esta especie. "Non se legalizará ningunha plantación ilegal, senón que se garantirán os dereitos de quen xa ten plantado legalmente", esgrimiu o mandatario. A medida cobrará corpo mediante unha emenda á lei de recuperación da terra agraria.

Feixoo defendeu que esta moratoria se toma "por responsabilidade" e que está "pensada, meditada e contrastada" coa "maior parte" do sector. E engadiu que non se precisan máis plantacións desta especie que as xa existentes porque "se seguimos plantando eucalipto, ademais dun impacto forestal, teríamos unha diminución constante do prezo do metro cúbico do eucalipto galego". 

Esta semana a Xunta xa enunciara a posibilidade da moratoria a través dunha proposta de emenda á revisión do plan forestal galego que aprobou o Parlamento cos votos en solitario do PP. Porén, a medida ficou fóra do plan forestal. No debate parlamentar, os grupos da oposición, BNG e PSdeG, tacharon a emenda de "ocorrencia" dado que o plan forestal da Xunta inclúe a posibilidade de incrementar 3% a superficie de eucaliptos até o ano 2025.

Por outra banda, segundo informou Feixoo, prevese un plan específico con financiamento para impulsar o piñeiro, castiñeiro e outras frondosas, e activaranse axudas para levar a cabo accións silvícolas. 

Comercio local

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente tamén anunciou a previsión de lanzar un programa de medidas para o comercio por 20 millóns de euros, así como bonos de desconto para incentivar o consumo en tendas de proximidade. As axudas buscan impulsar o comercio local, mais tamén a súa transformación dixital, con "unha aposta clara" polo comercio en liña. 

Feixoo tamén informou de que xa se recibiran 27.000 solicitudes para optar ás axudas previstas no segundo plan de rescate da Xunta para a hostalaría, pemes e autónomos. Sobre as actuacións para concretar o "plan de hostalaría segura", Feixoo defendeu que se está aínda a perfilar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) cales serán as accións concretas. "Se nos gustaría ter códigos  QR en todos os estabelecementos de hostalaría? A resposta é que si. Que están todos preparados tecnoloxicamente? A resposta é que non", reflexionou o presidente galego, quen advertiu que aqueles que poidan implantalo darán "maior seguridade" para a saúde pública.

O presidente tamén informou da aprobación no Consello da Xunta da Área de Transporte da Galiza "para estender as vantaxes do transporte metropolitano ao conxunto" do país. Segundo explicou, coa Tarxeta Transporte Público da Galiza aplicarase unha bonificación zonal de 0,50 euros no prezo de cada viaxe –financiada de forma xeral a 80% pola Xunta, e a 20% polos concellos adheridos— e non se cobrará a viaxe nos transbordos. E a esta bonificación sumarase outra de 10% a quen empregue a Tarxeta Metropolitana.

O capital privado, maioría na nova sociedade para os Next Generation 

O Goberno galego aprobou a participación da Xunta nunha sociedade público-privada que ten como obxectivo impulsar e captar fondos para os proxectos tractores (as iniciativas industriais coas que a Xunta opta aos fondos de recuperación da UE). A participación da Xunta nesa sociedade será a través de 40% das accións, fronte a 60% de capital privado. Nós Diario preguntou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión do Executivo, por se esa sociedade público-privada nacía xa co 60% de participación empresarial asignada a determinadas compañías ou se, pola contra, habería concurso público.

O presidente argumentou que a Vicepresidencia segunda leva semanas falando con entidades financeiras por se queren entrar no capital, así como con empresas que amosaron interese por coñecer a estrutura. "Dado que no comité de expertos [Next Generation] está a Sociedade de empresa familiar, a Presidencia do Círculo de empresarios da Galiza, e considerando que isto foi explicado á CEG (Confederación de Empresarios da Galiza) e ao ámbito sindical, dado que os informes do comité de expertos son públicos, entendo que hai suficiente transparencia", dixo. Con todo, deixou aberta a posibilidade de que se incorporen máis entidades unha vez se constitúa a sociedade.

Comentarios