xoves 16.07.2020

Montse Prado (BNG): "É momento de converter os aplausos das oito en dereitos para os traballadores"

A candidata pola circunscrición de Pontevedra participou na manifestación do persoal da sanidade pública en Compostela. Desde Verín, a candidata por Ourense, Noa Presas, chamou a trasladar o espírito do “Verín non se pecha” ao conxunto do país.
A candidata por Pontevedra polo BNG, Montse Prado, xunto a concelleira nacionalista en Compostela Goretti Sanmartín (Imaxe: BNG).
A candidata por Pontevedra polo BNG, Montse Prado, xunto a concelleira nacionalista en Compostela Goretti Sanmartín (Imaxe: BNG).

O BNG cualificou de "indignidade" que o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, "valore en 250 euros" o esforzo realizado polos profesionais sanitarios durante a pandemia, en referencia ao bono turístico aprobado pola Xunta e que espertou críticas entre colexios profesionais ou sindicatos.

Así o asegurou a candidata nacionalista pola circunscrición de Pontevedra, Montse Prado, este sábado no arranque da manifestación que percorreu as rúas reclamando estabilidade laboral no Servizo Galego de Saúde.

A portavoz de Sanidade da formación nesta última lexislatura sinalou que chegou o “momento de converter os aplausos das oito en dereitos para os traballadores” dunha sanidade pública que acumula, segundo Prado, “once anos de recortes e privatizacións” por parte da Xunta.

“O mellor recoñecemento que podemos facer aos profesionais é exixir unha política que aposte pola sanidade pública e que se traduza en estabilidade laboral”, acrecentou Prado, quen fixo un chamamento a que o 12 de xullo se produza “unha mobilización” nas urnas que poña fin a “once anos de privatizacións e recortes”.

Desde Verín, a candidata pola área de Ourense, Noa Presas, tamén dedicou parte da súa intervención á sanidade pública e instou a trasladar o espírito do “Verín non se pecha” ao conxunto do país para abrir un tempo novo en Galiza cun goberno liderado polo BNG e que, por primeira vez, teña ao fronte unha muller nacionalista presidenta. O acto contou co apoio do deputado no Congreso polo BNG, Néstor Rego, que tamén acompaña a Presas a outro mitin en Allariz.

comentarios