Montero a Gómez-Reino: “A axenda galega do cambio recollíase no acordo orzamentario”

“A ver se se aclara con vostede mesmo”. Así respondía a ministra de Facenda, María Jesús Montero, á pregunta formulada polo deputado Antón Gómez-Reino para saber se o Goberno central “cumpriu con Galiza e coas maiorías sociais do conxunto do Estado.

Antón Gómez-Reino
photo_camera Antón Gómez-Reino

“A axenda galega do cambio” estaba incluída nos orzamentos que as deputadas e deputados de En Marea no Congreso, agás Alexandra Fernández, apoiaron. Así respondía a ministra de Facenda María Jesús Montero ao deputado Antón Gómez-Reino, que esta cuarta feira na sesión plenaria preguntaba se cría que o Goberno central “cumpriu con Galiza e coas maiorías sociais do conxunto do Estado?”.

A ministra retrucoulle a Gómez-Reino: “vostede é consciente de que gran parte das cuestións que viñan na axenda galega do cambio recollíanse no acordo orzamentario”. “A ver se se aclara con vostede mesmo”, engadía.

Montero insistiulle ao tamén secretario xeral de Podemos na Galiza en que “moitas cuestións recolléronse dentro do proxecto de orzamentos que pactamos con vostedes”. “Saben que eu mesma mantiven unha reunión con En Marea para trasladar que durante a tramitación parlamentar algún dos investimentos que demandaban para Galiza tamén se podían estudar, dialogar e acordar”, indicoulle. “Non entendín a súa intervención”, agregaba a ministra

Gómez-Reino, pola súa banda, iniciaba a súa intervención apuntando que após “máis de 40 anos de bipartidismo, este grupo de Unidos-Podemos-Os Comúns-As Mareas plantámonos nesta Cámara como a expresión nítida da enchedura ante as súas sistemáticas claudicacións”. “Toda a cidadanía progresista sabía que non se podía confiar no Partido Socialista, que di unha cousa e fai a contraria”, denunciaba o deputado de En Marea.

O dirixente de Podemos na Galiza citou as iniciativas impulsadas polas deputadas e deputados de En Marea no Congreso e afeoulle á ministra non telas posto en marcha. “Nós fixemos o noso traballo”, salientou o parlamentar, que acusou o Goberno central de ser “un magnífico gabinete de campaña electoral”.

Gómez-Reino lamentou que o presidente Pedro Sánchez non traballase “o suficiente” para sacar adiante “o único orzamento progresista que logramos construír nesta Cámara”. “De novo, claudicouse ante os intereses e os cálculos electorais”. “Non cumpriron con Galiza nin coas maiorías sociais do conxunto do Estado”, concluíu.

Reacción de Alexandra Fernández

A deputada Alexandra Fernández, a única de En Marea que votou contra os orzamentos de Sánchez, seguindo as directrices da cúpula do partido liderado por Luís Villares, non tardou en reaxir nas súas redes sociais. “A ministra responde que a axenda galega do cambio xa estaba incluída nos orzamentos que votamos (os do recorte do 20%)”, sinala, “Isto é o que pasa cando segues, erre que erre, intentando enganar a xente: que ao final golpéaste contra a verdade”

“Deixádeo estar, por favor. Foi inxustificábel”, afirma a parlamentar, que conclúe: “cando menos que isto sirva para que nos queden as cousas claras para o futuro”.

Comentarios