Monedero súmase ao argumento favorito do PP para rexeitar as aspiracións independentistas

O secretario de Programa de Podemos afirma que ‘’o soño da independencia non é real porque levamos 5 séculos xuntos”. Un argumento máis que manido polo PP e a FAES desde hai anos. 

monedero

O secretario de Programa de Podemos, Juan Carlos Monedero, afirmou nunha entrevista no programa ‘Els Matins’ de TV3 e en referenza á independencia catalá que “o soño da independencia non é real porque levamos 5 séculos xuntos”. Unhas declaracións que non ficaron aí, pois Monedero acusou as forzas soberanistas catalás de “empregar a independencia para estigmatizar” a poboación. Fronte a iso, contrapuxo Podemos, como forza “cun discurso honesto que é unha práctica igual en Badaxoz que en Barcelona”. Apelou, así, a “reinventar España”. Se ben defendeu o dereito a decidir enmarcouno nunha “aventura moito máis ampla que un territorio concreto”.

O argumento expresado por Monedero sobre o tempo de ‘convivencia’ no mesmo Estado entre as nacións e pobos que o integran para rexeitar soberanismos non é unha novidade no discurso político e histórico español. O Partido Popular ten, de feito, nese un dos seus argumentos favoritos á hora de se pronunciar sobre a ‘cuestión catalá’. As, o propio Mariano Rajoy, nun acto en Barcelona que decorreu o pasado mes de xaneiro, dixo: “España é a nación máis vella de Europa, levamos moitos séculos vivindo xuntos (...) e canto máis xuntos, mellor”.

Monedero acusou as forzas soberanistas catalás de “empregar a independencia para estigmatizar” a poboación

Poucos meses antes, en novembro de 2014, o dirixente popular González Pons manifestaba, en referenza a Catalunya, que “levamos séculos vivindo xuntos”, polo que “non hai razón para rachar esa convivencia”.

Non podía faltar José María Aznar, ex-presidente español, e representante do conservadurismo máis españolista. Nunha intervención en EUA, ao ser preguntado sobre Catalunya, tirou do argumentario FAES: “Os cataláns son españois. Levamos xuntos 500 anos”.

Café para tod@s

Sobre as declaracións nas que Monedero afirma que Podemos ten un discurso único, sexa en Badaxoz ou Barcelona, tampouco aquí inventou nada. De feito, tamén o Partido Popular leva anos empregando ese argumento. Aí está Mariano Rajoy (novembro 2013) dicindo que “o PP é un partido nacional, porque di o mesmo en todos os sitios de España”. Unha tese que teñen expresado, entre outros, desde Aznar a Alicia Camacho, Mayor Oreja ou o propio Núñez Feijóo.

Comentarios