Monedero afirma que os resultados de Podemos na Galiza terían sido mellores de non se integrar na Marea

Primeiro torpedo á liña de flotación da Marea desde Madrid. Un dos ideólogos de Podemos considera que os resultados na Galiza terían sido mellores para a súa formación política se Podemos non se tivese integrado na Marea.

Monedero

Polemista nato, aliado neste momento de Pablo Iglesias na pugna con Errejón por definir liña política do partido, Monedero pon en cuestión a política de alianzas da súa formación na Galiza, saldada na integración no partido instrumental de En Marea.

Cumpre lembrar que esa integración foi decidida directamente polo secretario xeral da formación morada, Pablo Iglesias, cando a organización galega, após un referendo, se tiña posicionado a prol dunha coligazón e non de facer parte do novo partido instrumental.

Isto é, a organización galega non quería desdebuxar Podemos en En Marea, xusto o que agora bota de menos Monedero.

Nunha entrevista en Antena 3, Monedero afirmou literalmente: "Cando Podemos recupera quen é e se apresenta como quen é, o resultado é amplamente satisfactorio", un argumento que o leva a criticar que na Galiza o partido morado se "disolvese nunha coligazón [en realidade, nun partido instrumental] máis grande e coa súa identidade non ben debuxada".

O argumento de Monedero non encaixa coa realidade eleitoral de Euskadi, onde Podemos, embora ir en solitario e coa marca propia, ficou moi aquén das expectativas, claramente batido por EH Bildu. A ese respeito, o cofundador do partido morado atopa como explicación a seguinte: a formación de Otegi tería "copiado" a mensaxe podemita pondo o acento no dossier social antes do que na cuestión nacional.

  

Comentarios