"É o momento", o lema co que En Común chama a construír futuro

"É o momento! Construírmos o futuro", eis o lema de campaña electoral que a coalición Galicia en Común presentou onte publicamente en Santiago e coa que pretende levar Antón Gómez-Reino á Presidencia da Xunta o vindeiro 12 de xullo. 

Antón Gómez-Reino presenta o lema de campaña de Galicia en Común (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Antón Gómez-Reino presenta o lema de campaña de Galicia en Común (Imaxe: Nós Diario)

"É o momento! Construírmos o futuro", é o lema co que Galcia en Común se presenta ás eleccións e pocura indicar que “o momento é agora", explicou Antón Gómez-Reino esta terza feira, 16 de xuño.

"Fronte ao que se está dicindo, nós témolo claro. Nos últimos procesos electorais cando se mobilizou a cidadanía progresista, o bloque progresista conseguiu case 200.000 votos máis que o bloque conservador. Por tanto, se a xente vai votar, Feixoo perde”, prognosticou o candidato de Galicia en Común. Precisamente esta formación transmite, segundo dixo Reino, “un obxectivo claro: mudar o poder político na Xunta da Galiza e construír con outras e outros un Goberno progresista, transformador e de país”.

O lema ademais “incide en algo que vai no noso ADN: a defensa do común. Cando falamos de defender o público, a sanidade, a educación, a lingua, o patrimonio, o autogoberno ou o medio, falamos de defensa do común”, aseverou Gómez-Reino.
Da mesma forma, o candidato presidencial incidiu en que a súa lista se dirixe ao conxunto de galegas e galegos "buscando empatía nun tempo de crispación deliberada".

Perfil, quixo marcar esta terza Reino asegurando que a súa é unha "forza de Goberno preparada  para o reto de gobernar Galiza. Somos xente que cumpre, como estamos a demostrar  no Executivo do Estado e cando estivemos noutros Gobernos”.
A cabeza de lista por Pontevedra, a deputada e líder de Esquerda Unida, Eva Solla, declarou que “a Galiza precisa reconstruír o país desde un punto de vista que aborde as necesidades sociais e económicas que temos”. Solla reparou na necesidade de "afrontar unha reconstrución após máis de dez anos dun Goberno que levou Galiza a unha destrución do tecido produtivo, dos postos de traballo e dos servizos públicos”.

Pola súa banda, a candidata número 2 por Pontevedra, Iria Figueroa, considerou que “construír o futuro pasa por reforzar o público, redistribuír a riqueza e apostar polos nosos sectores produtivos e estratéxicos e recuperalos para o público”.
Figueroa avogou ademais por construír un país con futuro para a mocidade, “moi golpeada durante os anos de Goberno do PP”. Ademais, resaltou a importancia de erguer "un futuro digno para as mulleres" e "pór a vida no centro". 

Comentarios