CARME ADáN, PARLAMENTAR DO BNG

“É o momento de dar o debate sobre o feminicidio”

A portavoz parlamentar do BNG en materia de Igualdade, Carme Adán, vén de presentar unha iniciativa parlamentar na que propón a elaboración dun estatuto de vítima de feminicidio nun momento en que “as mulleres morren polo simple feito de ser muller”.

Carme Adán
photo_camera Carme Adán

En que consiste a proposta?

Consideramos que cómpre mudar tanto a lei orgánica como a lei galega e introducir o concepto de feminicidio, máis extenso que o de violencia de xénero. Atopámonos diante dun verán horríbel e cómpre formularse que cuestións non funcionan ou non se aplican nas leis. Co termo feminicidio acometeríanse modificacións importantes da lei. É fundamental que o feminicidio sexa unha cuestión de Estado.

Que é necesario mellorar destas leis?

Hai que traballar máis a prevención e a coeducación, desenvolver campañas… Non hai que esquecer o ámbito dos medios de comunicación, onde penso que habería que estabelecer penalizacións. Non ten sentido que sigan falando de “supostamente” en casos nos que a violencia está demostrada ou que digan que “as mulleres morren”, no canto de diciren que son asasinadas.

"As mulleres morrer por seren mulleres e os homes non aceptan a igualdade"

Como se elaboraría este estatuto?

Terían que crealo un grupo de expertas en materia de xénero e de dereito. Dado que o Estatuto da Vítima do Delito quedou curto, hai que elaborar unha nova normativa que, lonxe de vitimizar as mulleres, estabeleza mecanismos para que as mulleres teñan accesos aos recursos necesarios. Neste sentido, a Lei galega supuxo un avance, pois non require dunha denuncia para acceder aos recursos. Isto tamén é importante introducilo dentro da lei orgánica.

Por que agora é o momento de facelo?

Despois de dez anos da aplicación da Lei orgánica xa é o momento de avaliala. Aínda que ten cuestións positivas e supuxo un antes e un despois, precisa mellorala. Esta lei non pode estar fiada á xudicialización, ten que ir máis alá, ao ámbito social. Por iso, consideramos que cómpre introducir na definición de vítima aspectos sociais, como por exemplo, que un centro de formación da muller poida acreditar a condición de vítima. É o momento de dar o debate sobre o feminicidio, como as mulleres morrer por seren mulleres e como os homes non aceptan a igualdade.

Que lles falta ás leis?

En primeiro lugar, non están completamente desenvolvidas e aplicadas, porque non se dotan de orzamentos e de recursos suficientes (temos como o exemplo as eivas do 016 ou o servizo das casas de acollida, que funcionan baixo o mesmo modelo que hai 30 anos). E, pola outra banda, están moi restrinxidas ao ámbito xudicial (nomeadamente a lei orgánica) e non ao social. Non hai que esquecer a importancia de dotar as vítimas de apoio psicolóxico e económico.

"A sociedade segue a ser machista e a violencia contra as mulleres segue estando aí e a igualdade é algo máis, un remendo, algo que queda ben"

E en prevención, houbo pasos cara adiante?

En prevención non se avanzou nada. Nas escolas continúase igual e segue sen haber un traballo específico na sociedade. Os estereotipos seguen asentándose adaptados á actualidade (mentres antes os toureiros casaban coas folclóricas, agora os futbolistas casan coas modelos) e a mocidade segue a reproducir roles machistas (temos como o exemplo o libro ou o filme das 50 Sombras de Grey, que vén a ser un maltratador). Non existe a transformación da sociedade desde a óptica da igualdade. A sociedade segue a ser machista e a violencia contra as mulleres segue estando aí e a igualdade é algo máis, un remendo, algo que queda ben.

Que valoración fai do Goberno Feijóo en materia de igualdade?

Se se reduce en igualdade estase camiñando no sentido contrario. E isto é o que fai o Goberno de Feijóo, cuxa inactividade é total. Que programa novo se coñece? O único que se fixo desde Igualdade foi dotar de cartos a Red Madre (organización antiabortista).

Comentarios